Lamatumbá estrea novo tema: ‘Botando Leña’
Vinte anos despois da publicación de 'Lume (para que saia o sol)', a formación ourensá dalle a benvida ao verán co lanzamento dun dos temas que protagonizará o seu directo nos próximos meses.
Lamatumbá abre o verán con toda a enerxía e a forza posible. Botando Leña chega este venres a todas as plataformas de audio, sumándose ao amplísimo repertorio que nutre a discografía da banda ourensá logo de tantos anos de traxectoria.
Nunha nota na súa páxina web, a formación presenta Botando Leña, celebrando que a súa música siga soando, e coa promesa de atoparse coas súas e os seus fans nas festas deste verán:
“Sabíades que esta primavera cúmprense vinte anos da publicación de ‘Lume (para que saia o sol)’? Que orgullo seguir oíndo nas vosas voces o ‘Licor café’, o ‘Desertor’, o ‘Reagge dos mariñeiros’, o ‘San Benitín’ e tantas outras. É unha honra respirar tod@s a unha e vivir a festa alí onde o vento nos leva.
E que mellor xeito de celebrar estes vinte anos do noso ben querido Lume que seguir botándolle leña ao forno? Que mellor agasallo que traervos este pastel que está agardando xa pola guinda dos vosos bailes? Aí vos vai esta escusa sonora para que sintades o ritmo dos nosos anhelos e a calor da verbena que segue latexando en cada parche, en cada metal e en cada corda.
Saltade con nós a cacharela e deámoslle a benvida a este verán no que, nalgún torreiro que outro, aínda nos habemos atopar.
Saúde, música e seguimos… BOTANDO LEÑA!“
Un verán de festa
Despois de presentar novo directo na Sala Rebullón de Mos e na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, Lamatumbá prepárase os concertos da temporada de verán, iniciada xa o pasado 18 de maio en Bugallido (Ames). Nas próximas semanas anunciarase o calendario de concertos, no que xa figura o Festival Terra Brava, no Incio, o 16 de agosto.
NOTICIAS RELACIONADAS
Lamatumbá encherá de ritmo o AgoraSón de outono
O grupo ourensán repite no Agorasón ofrecendo o vindeiro venres un concerto único no Centro Sociocultural Ágora. As entradas poderán retirarse a partir do 10 de outubro nas Bibliotecas Municipais da Coruña.
Boiro acolle o próximo sábado o segundo concerto da xira de Lamatumbá
A formación ourensá estará na Pousada da Galiza Imaxinaria logo do concerto de presentación do novo directo en Mos, que inclúe novos temas. As entradas están á venda a través de www.lamatumba.gal e na propia sala.
Lamatumbá presentará en Mos e Boiro o seu novo directo para seguir “botando leña”
Lamatumbá, unha das grandes referencias da música en galego das últimas décadas, reinvéntase para sair de novo de xira este…


