Lamatumbá presentará en Mos e Boiro o seu novo directo para seguir “botando leña”
A formación ourensá abre unha nova etapa logo do seu regreso aos escenarios hai dous anos con nova imaxe, novos temas e a intención de seguir sendo referencia no panorama musical galego. A Sala Rebullón, en Mos, acollerá a presentación do novo directo, cun concerto o próximo 4 de abril, ao que seguirá a cita en Boiro, na Pousada da Galiza Imaxinaria, o 26 de abril. As entradas para están xa á venda en www.lamatumba.gal
Lamatumbá, unha das grandes referencias da música en galego das últimas décadas, reinvéntase para sair de novo de xira este verán. Logo do seu regreso aos escenarios no 2023 o grupo incorporouse o pasado á carteira de artistas e espectáculos de Ainé co obxectivo de consolidar o relanzamento do seu proxecto musical.
A poucas semanas do comezo da temporada de festivais, Lamatumbá presentará o seu novo directo con dous concertos nas salas Rebullón (Mos) e A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro), os días 4 e 26 de abril, onde as seguidoras e seguidores do grupo poderán coñecer as novidades que a banda levará polos escenarios de todo o país este verán.
Entre elas un novo tema, Botando Leña, que dará título á xira e ao próximo videoclip da formación, pero tamén a nova identidade gráfica, deseñada pola artista ourensá Noa Fernández, da que xa é posible ver un adianto en www.lamatumba.gal.
As entradas para as dúas datas en Mos e Boiro están xa dispoñibles tamén nas páxinas web de Ainé e de Lamatumbá, con prezos entre os 12 e os 15 euros.
Botando Leña
O novo tema de Lamatumbá, que chegará ás principais plataformas de audio nas próximas semanas, é un berro á resistencia para continuar nun mundo que en demasiadas ocasións convida ás derrotas e á rendición. A banda insiste na letra de Botando Leña co seu chamamento habitual á festa, “á feira” e “á brincadeira”, a un xeito de vivir que xira ao redor do desfrute colectivo, “inmune á picadura do fracaso”.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.
Ainé estrea unha aplicación móbil para achegar a súa actividade ao público
A ferramenta reúne nun mesmo espazo a programación de espectáculos, as opcións de compra de entradas, as últimas noticias e os contidos audiovisuais da produtora. Está dispoñible de balde para dispositivos iOS e Android.
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.



