Nace o “banco de probas” dos espectáculos de comedia en Galicia
Xosé A. Touriñán, Oswaldo Digón, Pepo Suevos, Carlos Blanco ou David Perdomo participarán en diferentes sesións de comedia nas que probarán textos para os seus próximos espectáculos. Santiago (3 de abril, Salón Teatro) e A Coruña (10 de abril, Sala Garufa) acollerán as dúas primeiras citas.
Ainé pon en marcha desde o mes de abril un experimento artístico que permitirá ás e aos profesionais do humor en Galicia probar os seus futuros espectáculos. É Banco de Probas, unha iniciativa de Xosé A. Touriñán coa que algúns dos nomes máis coñecidos da comedia no noso país visitarán escenarios máis reducidos dos habituáis para probar os textos chamados a triunfar nos seus próximos espectáculos de monólogos.
A primeira cita, en colaboración co Centro Dramático Galego, será este próximo xoves, no Salón Teatro (20.30), con Oswaldo Digón, Pepo Suevos, Carlos Blanco e o propio Touriñán, xusto despois da función de A burra, a mesa e o pau, a nova produción da compañía de teatro pública, co que se busca tamén fomentar o intercambio de espectadores entre uns e outros espectáculos no teatro compostelán. As entradas están xa á venda nun prezo único de 10 euros en Ataquilla.com
A semana seguinte será a Sala Garufa, na Coruña, o escenario escollido para un novo Banco de Probas no que participarán Touriñán, Oswaldo Digón, Carlos Blanco e David Perdomo, a partir das 21.30. As entradas están xa esgotadas.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Moi Animal’, o novo monólogo de Touriñán, suma novas funcións á súa primeira xira
O novo monólogo de Xosé A. Touriñán esgota localidades en Cee e Santiago e amplía funcións na Coruña, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra. A xira, que comezará en outubro, continúa medrando antes da súa chegada aos escenarios galegos.
O concerto de Bibopalula
As cancións da serie musical en galego Bibopalula chegarán ao escenario da man de Isabel Garrido (voz), que interpretará os temas da súa banda sonora xunto a Luis Lago (piano), Graciela Carlos (batería) e Pedro Placer (guitarra), nun espectáculo pensado para gozar en familia.
Moi Animal
‘Moi Animal’ é o novo monólogo de Xosé A. Touriñán. A partires de outubro, percorrerá Galicia reflexionando sobre a nosa peculiar relación co resto das especies.



