O monólogo de Touriñán volve a Madrid e Barcelona este mes de outubro
Xosé A. Touriñán volve aos escenarios do Teatro Arlequín e do Teatro Borràs co seu monólogo. As dúas funcións, programadas para os días 9 e 10 de outubro, serán as próximas citas dunha xira estatal que continuará ao longo dos vindeiros meses.
Xosé A. Touriñán retoma o seu percorrido estatal despois do verán con dúas citas consecutivas. O 9 de outubro, o humorista volverá ao Teatro Arlequín de Madrid, ás 22.30h, e ao día seguinte, 10 de outubro, será a quenda do Teatro Borràs de Barcelona, tamén ás 22.30h.
O espectáculo, que xa pasou este ano por cidades como Madrid, Bilbao, Barcelona e Oviedo, parte da palabra e da proximidade para construír un monólogo no que Touriñán combina realidade e ficción con historias da súa propia vida, decisións, erros, referencias culturais e situacións recoñecibles do día a día. O humor e a retranca serven de fío para revisar esas pequenas cousas que forman parte da vida cotiá e que, levadas ao escenario, poden acabar converténdose nunha gran historia.
E o outono vén cargado de táboas para Touriñán. Despois de Madrid e Barcelona, o monólogo fará parada en Zaragoza o 31 de outubro e volverá ao Teatro Arlequín de Madrid o 13 de novembro. O 21 de novembro, ademais, formará parte de Mentes Peligrosas en Burgos, antes de retomar a xira fóra de Galicia en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
Ao mesmo tempo, o actor e humorista prepara o inicio da xira galega de Moi Animal, o seu novo monólogo, que chegará aos escenarios a partir do 16 de outubro en Cee. A nova proposta percorrerá once localidades galegas ata finais de ano, coincidindo no calendario con parte das datas do percorrido estatal.
As entradas para as próximas funcións están xa dispoñibles a través da web do humorista touri.gal, onde tamén se pode consultar o calendario completo da xira.
NOTICIAS RELACIONADAS
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.
Ainé estrea unha aplicación móbil para achegar a súa actividade ao público
A ferramenta reúne nun mesmo espazo a programación de espectáculos, as opcións de compra de entradas, as últimas noticias e os contidos audiovisuais da produtora. Está dispoñible de balde para dispositivos iOS e Android.



