Oferta de traballo: buscamos un perfil de comunicación e promoción

Queremos ampliar o noso equipo cunha persoa que poida axudarnos nunha das partes máis importantes do noso traballo: contar o que facemos e chegar ao público. O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o 20 de xuño.

A comunicación de todo o que rodea aos nosos traballos e as estratexias de promoción para chegar ao público é unha das partes fundamentais do noso día a día. Impórtanos comunicar moito e comunicar ben: que nada do que facemos pase desapercibido, e que todo o que contamos resulte atractivo, sen deixar de lado a calidade visual, e sobre todo, o coidado do idioma.

Buscamos incorporar ao noso equipo a unha ou un profesional do ámbito da comunicación e da promoción para encargarse de tarefas como manter actualizadas as nosas webs corporativas e as dos nosos proxectos, redactando contidos de forma diaria, escribir artigos ou reportaxes para Táboas, a nosa revista, manter actualizadas as nosas contas en redes sociais (Bluesky, Facebook, Instagram, Linkedin…), manter ao día a presenza dos nosos activos en distintas plataformas de referencia ou en buscadores, estar en contacto cos medios de comunicación para o envío de convocatorias e notas de prensa, elaborar e manter organizados os materiais dos nosos proxectos (memorias, fotografías, vídeos…), redactar proxectos de venda…

Outras tarefas relacionadas co traballo de promoción son o deseño e planificación de campañas dixitais e en medios tradicionais (prensa, radio, publicidad exterior), a xestión e seguimento dos orzamentos destinados á promoción, o contacto cos departamentos comerciais dos diferentes medios, ou a elaboración de contidos gráficos e audiovisuais para as campañas.

Aptitudes e actitudes

  • É esencial un nivel alto de galego escrito. É importante para nós que nada do que saia publicado teña erros: mala redacción, como erros de sintaxe ou de vocabulario.
  • É tamén importante ter capacidade de adaptación ao noso estilo de comunicación, que é posible comprobar nesta mesma web ou nas nosas redes sociais.
  • Valoramos moito contar con profesionais coidadosas/os, perfeccionistas, atentas/os, pendentes dos detalles.
  • Valoramos tamén a axilidade: en moitas ocasións o ritmo de traballo obriga a facer as cousas máis rápido do que nos gustaría, e precisamos ser eficientes e resolutivas/os.
  • Non é imprescindible ter experiencia.
  • Temos a teoría de que este traballo só paga a pena se somos quen de desfrutalo, así que precisamos profesionais capaces de involucrarse e comprometerse non só co que facemos, senón tamén co que defendemos: cultura feita para chegar a públicos amplos, e en galego.

Condicións

  • Ofrecemos un contrato de traballo indefinido a 38 horas semanais, cun salario de 1.850 € brutos ao mes, encadrado no que determina o convenio colectivo autonómico de eventos, servizos e producións culturais de Galicia para o grupo III. Establecemos un periodo de proba de dous meses.
  • A xornada é partida, de luns a venres, de 8.30 a 14.00 e de 16.00 a 18.30 horas, pero con dúas tardes libres á semana: a do venres, e outra máis. Nos meses de xullo e agosto, xornada intensiva de 8.00 a 15.00 horas.

Proceso de selección

Recibiremos propostas a través da sección Emprego da nosa web ou nesta mesma páxina entre o luns 9 de xuño e o venres 20 de xuño. Agradecemos e valoramos recibir as candidaturas unicamente a través do formulario da nosa web e non por correo electrónico.

Valoramos o envío dun texto para comprobar o nivel de galego escrito -se non o recibimos agora, de avanzar no proceso de selección solicitarémolo máis adiante-. Non é imprescindible enviar un currículo -tampouco temos problema por recibilo-, é suficiente cun texto no que nos contedes quen sodes, que fixestes, que facedes, por que queredes traballar con nós… Agradecemos non recibir currículos nin textos en castelán, tendo en conta que a cuestión do galego escrito é un requisito imprescindible.

Faremos entrevistas por videochamada coas persoas que superen a primeira fase do proceso, ás que non descartamos pedirlles unha breve proba de escrita. En función das candidaturas que recibamos e do resultado das entrevistas, ou ben resolveremos o proceso, ou ben faremos entrevistas presenciais entre as persoas que mellor encaixen no perfil que buscamos. A data ideal de incorporación será o 1 de xullo.

Anótate aquí!

    Perfil

    Entrada anterior
    O espectáculo de Bibopalula ultima en Rianxo os preparativos para a súa estrea
    Artigo seguinte
    O espectáculo de Bibopalula segue a xira esta fin de semana en Pontevedra e Vilalba

    NOTICIAS RELACIONADAS

    Portada » Caderno » Oferta de traballo: buscamos un perfil de comunicación e promoción