O neurocientífico Xurxo Mariño e o humorista Oswaldo Digón xúntanse para ofrecer unha charla de divulgación científica chea de humor e diversión. A idea é transmitir a todo tipo de público algúns conceptos científicos e humanísticos, de forma atractiva, relaxada e divertida.
Carbón ten dous obxectivos: por unha banda, mostrar a gran capacidade poética da ciencia e, por outra, descubrir que esa poesía está presente en calquera obxecto cotián, como un vulgar anaco de carbón. A partir desa pedra de carbón vanse fiando historias do máis diverso e fascinante, nas que se explica a estrutura química da madeira, o grafito, o diamante; os mecanismos da fotosíntese e a formación de moléculas orgánicas; o proceso de carbonización que deu lugar aos actuais xacementos mineiros; e o proceso da combustión e a súa relación coa actividade das nosas mitocondrias. E todo sen abandonar un ton poético combinado con pinceladas de humor, xunto co apoio de imaxes, sons e efectos sonoros.