‘Corentena’ amplía a súa xira ás vilas galegas
O gran éxito de público do espectáculo, con máis de 15.000 entradas vendidas, fai que Perdomo e Touriñán anuncien 5 novas datas a principio de ano.
No inicio do outono, Touriñán e Perdomo iniciaban unha xira polos teatros galegos cun novo espectáculo nacido da experiencia que ambos compartiran durante o confinamento. Aquelas noites, os dous cómicos conversaban e improvisaban personaxes en directo a través de Instagram, interactuando cos milleiros de espectadores que as seguían cada día. O espírito daquelas noites de comedia e conexión co público recuperouse en Corentena, un formato no que a improvisación e a interacción co público ten moita importancia.
A posta en escena tivo lugar na primavera en pequenas salas da Coruña, Ourense, Ferrol e Santiago de Compostela e, xa no verán, a posta de longo foi no festival Castelo Conta, onde 1.700 persoas asistiron ao espectáculo. Desde que se lanzou a xira, a resposta do público foi tan grande que houbo que ampliar funcións en Narón, Santiago e A Coruña e esgotáronse para practicamente todos os pases realizados ata o momento. Restan só algunhas entradas para Narón e Santiago. En total, máis de 15.000 persoas xa mercaron as súas entradas.
Co inicio do ano, Corentena viaxa ás vilas de Galicia, facendo parada en Noia, Vilalba, O Grove, Burela e Ponteareas. As entradas para estas novas funcións están xa á venda en corentena.gal e na páxina web de Ataquilla.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.
Ainé estrea unha aplicación móbil para achegar a súa actividade ao público
A ferramenta reúne nun mesmo espazo a programación de espectáculos, as opcións de compra de entradas, as últimas noticias e os contidos audiovisuais da produtora. Está dispoñible de balde para dispositivos iOS e Android.
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.



