Perdomo e Touriñán levan a ‘Corentena’ ao Castelo Conta

O espectáculo estará o 24 de agosto na Polideportiva de Castelo. As entradas poden adquirirse en casteloconta.gal

Perdomo e Touriñán na estrea de 'Corentena'. Foto: Aigi Boga

O Castelo Conta vén de presentar a programación da 8ª edición do festival, que terá lugar na parroquia cullerdense do 21 ao 27 de agosto. Unha semana de comedia, música e cultura rural que será o escenario sobre o que se faga por vez primeira ‘Corentena‘ fóra do circuíto de salas. O espectáculo de David Perdomo e Xosé A. Touriñán presentouse na Coruña, Ourense, Santiago de Compostela e Ferrol en salas de concertos de pequeno aforo. Era o primeiro paso para traer á presencialidade os personaxes nacidos nas conversas que os dous cómicos mantiveron en público a través de Instagram durante os meses de confinamento do 2020.

‘Corentena’ é un espectáculo no que pode pasar calquera cousa, xa que a improvisación e a interacción co público é fundamental para as rutinas que Touri e Perdomo foron desenvolvendo durante unhas semanas nas que a risa foi máis necesaria do que nunca antes fóra. Personaxes recorrentes e outros que nacen sobre a marcha intercálanse coas reflexións e comentarios sobre os barrios das cidades, a forma de ser da xente de cada lugar, o fútbol, a música… O espectáculo recupera a fescura da conversa humorística e a improvisación para poñer sobre os escenarios unha chea de situacións inverosímiles, ou tal vez non tanto.

A Polideportiva de Castelo acolle o xoves 24 de agosto, ás 22.00 horas, esta función para a que as entradas xa están á venda en casteloconta.gal e nos puntos de venda física do festival.

Artigo anterior
Touriñán presenta a oitava edición do Castelo Conta
Artigo seguinte
‘Códice K’ poderá verse en Cee este sábado

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Perdomo e Touriñán levan a ‘Corentena’ ao Castelo Conta