‘Corentena · Game Over’ despide a súa primeira xira o 6 de xuño en Lugo
O espectáculo de David Perdomo e Xosé A. Touriñán pasou desde o pasado mes de marzo por sete localidades galegas, sumando máis de 10.000 espectadoras e espectadores.
Remata a temporada de espectáculos nos teatros e auditorios, e Corentena · Game Over despide a súa primeira xira en números de record. Desde o pasado 7 de marzo Xosé A. Touriñán e David Perdomo estiveron en Pontevedra, Ourense, Burela, Vigo, A Coruña, Vilalba e O Grove ofrecendo a máis de 10.000 persoas unha innovadora proposta a medio camiño entre o videoxogo e o teatro.
O Auditorio Gustavo Freire, en Lugo, despedirá o próximo 6 de xuño o percorrido dos cómicos coruñeses esta primavera, cunha función que está a piques de esgotar as entradas (as últimas, para as 20.30, pódense mercar en www.corentena.gal). Será a última oportunidade para ver a Touriñán e Perdomo nos teatros antes da temporada de verán, na que teñen previstas distintas citas cos seus espectáculos en solitario.
Sobre ‘Corentena · Game Over’
Pasado o tempo da pandemia entéraste de que o antídoto contra calquera novo virus está moito máis cerca do previsto. Decides emprender un emocionante camiño cheo de obstáculos e emocións para atopar o remedio a todos os teus futuros problemas. Unha viaxe chea de seres estraños, personaxes xa coñecidos e outras criaturas xamáis vistas. Serás quen de chegar ao final? Ollo! Calquera fallo levarate ao Game Over!
O novo espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo recolle o espírito das súas conversas en Instagram durante a pandemia para levalo por segunda vez aos escenarios. Desta volta acompañados dunha gran pantalla na que as espectadoras e espectadores tamén son protagonistas.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.



