‘Bibopalula’ prepárase para dar o salto aos escenarios esta fin de semana
O primeiro gran musical infantil en galego estréase esta fin de semana na Coruña e Santiago prometendo moitas sorpresas. Marta Lado dirixe unha proposta protagonizada por Lidia Veiga que estará de xira durante todo o mes de xuño.
O equipo do espectáculo de Bibopalula ultima os preparativos para o lanzamento, este sábado, na Coruña, dunha das propostas máis ambiciosas dos últimos anos no panorama teatral galego. Por primeira vez as nenas e nenos terán a oportunidade de desfrutar dun musical no noso idioma, con máis de dez cancións, coreografías e chamativos efectos especiais e de iluminación.
Bibopalula transfórmase en espectáculo para sorprender a unha xeración de cativas e cativos que xa tiveron ocasión de desfrutar da serie, e que nos últimos meses completan a súa aproximación á Banda do Bosque a través das cancións nas principais plataformas de audio ou un conto infantil, que forman parte da expansión do proxecto.
A Coruña (sábado 7, Teatro Colón) e Santiago (domingo 8, Auditorio ABANCA) serán as primeiras paradas dun espectáculo que xirará por todo o mes de xuño por localidades como Pontevedra, Vilalba, Verín, Vigo, Cee ou Ourense. As entradas están á venda a través de www.bibopalula.gal.
Marta Lado é a autora e directora dun texto que protagoniza Lidia Veiga, no papel de Ava, unha experta observadora de paxaros. Cristina Andrade, Graciela Carlos, Sara Ferro e Nerea Rodríguez completan o elenco interpretando aos protagonistas da Banda do Bosque: Pegui, Carpin, Merli e Robin.
NOTICIAS RELACIONADAS
Xosé A. Touriñán presenta ‘Moi Animal’, o seu novo monólogo
O humorista estrea unha nova proposta escénica arredor da nosa relación cos animais e das contradicións da especie humana. A xira comezará en outubro e percorrerá once localidades galegas.
A Coruña acolle a programación do Noroestiño, a proposta familiar do 39º Festival Noroeste Estrella Galicia
A programación infantil do Festival Noroeste Estrella Galicia volverá aos Xardíns de Méndez Núñez do 5 ao 9 de agosto con sete propostas de música e artes escénicas para público familiar.
Xa á venda as entradas para a función especial de ‘Amoriños’ no Festival Noroeste Estrella Galicia
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo chega o vindeiro 9 de agosto ao Parque de Santa Margarida cunha función especial dentro da 39º edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. As entradas xa están dispoñibles.



