Carlos Blanco e Touriñán volven con ‘Somos Criminais’ nunha función única para ver na casa
É a primeira vez en Galicia que un espectáculo teatral chega ás pantallas a través dunha emisión na rede na que os espectadores pagan unha entrada polo seu acceso. A cita será o 6 de xuño, ás 22.30 horas, e as entradas están xa á venda a través de Ataquilla.com, que colabora na iniciativa.

O tempo da corentena e o confinamento non foi tempo desaproveitado para Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán. Os actores e cómicos máis populares do noso país veñen de anunciar unha experiencia inédita en Galicia: a primeira función teatral emitida a través da rede, con aforo limitado e accesos que os espectadores deben mercar previamente, cun prezo de 5 euros.
Trátase de Somos Criminais, o espectáculo que máis entradas vendeu ata o momento na historia do teatro galego, nas dúas xiras que nos anos 2018 e 2019 levaron o espectáculo por todas as cidades do país, enchendo en todas e cada unha das funcións.
As dificultades de Carlos Blanco e Touriñán para manter os seus espectáculos coas limitacións de aforo previstas nas medidas para facer fronte á COVID-19 levaron ás súas produtoras a reinventarse, con novas fórmulas coas que seguir achegando o seu traballo ao público durante estes meses.
Somos Criminais emitirase o 6 de xuño ás 22.30 horas a través de somoscriminais.gal, como se dunha función ao uso se tratara: á hora prevista dará comezo o espectáculo, e os espectadores deberán acceder a tempo se non queren collela empezada. Para facelo, disporán dun usuario e un contrasinal que recibirán por correo electrónico logo de facer a compra do seu pase en Ataquilla.com, a plataforma de venda de entradas líder en Galicia, que colabora nesta iniciativa.
O aforo será limitado: a función está prevista para 5000 pases. Cada usuario só poderá acceder nun dispositivo á emisión, que poderá ser un teléfono móbil, tablet, ordenador ou SmartTV, sempre con conexión a internet. Non está previsto que o espectáculo poida ser visto de novo unha vez rematada a emisión do 6 de xuño.
O espectáculo co que desfrutarán os espectadores será inédito. Estará gravado desde poucos días antes, sen público, e aínda que conservará o texto orixinal de José L. Prieto, incluirá algunhas referencias á actualidade.
Ainé Producións pon a disposición dos espectadores o correo electrónico soporte@somoscriminais.gal e o teléfono 881 946 972 para a resolución de todas as dúbidas dos espectadores sobre a emisión.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Amoriños’ chega ao Noroeste Estrella Galicia cunha edición especial en Santa Margarida
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo formará parte da programación da 39 edición do Festival Noroeste Estrella Galicia cunha función especial o 9 de agosto.
Xosé A. Touriñán incorpórase ao elenco da terceira e última tempada de ‘Clanes’
A serie de Netflix producida por Vaca Films despídese cunha última entrega que volve reunir a Clara Lago e Tamar Novas como protagonistas, xunto a un amplo elenco do que forma parte Xosé A. Touriñán. A tempada final pecha a historia deste universo do narcotráfico en Cambados.
Máis improvisación oral para despois do verán: ‘Territorio Regueifa’ suma tres novas funcións
O espectáculo regresará aos escenarios en outubro e novembro con tres novas funcións xa confirmadas. Entre elas destaca a primeira representación fóra de Galicia, que terá lugar en Barakaldo.


