O espectáculo máis aclamado, para ver desde o sofá
Da xira aprazada de ‘Unha noite na praia’ a unha función inédita de ‘Somos Criminais’ para ver na casa. En tres meses, a crise da COVID-19 cambiou por completo as previsións do sector cultural en Galicia.

Hai xusto tres meses, o 19 de febreiro, no museo de Estrella Galicia, Carlos Blanco e Touriñán presentaban acompañados por Javier Veiga a segunda xira de Unha noite na praia. Para as funcións da Coruña xa non quedaban entradas, e o resto de prazas completaban os seus aforos día a día. Todo apuntaba a unha primavera de teatros cheos.
O confinamento comezou un día antes da función da Coruña. Ás presas, aprazábase a estrea no Teatro Colón para o mes de xullo, comunicando a todos os espectadores as novas datas, xa coa incerteza do que pasaría co resto das funcións previstas.
Pasaron as semanas, e os meses, e o coronavirus acabou con boa parte da programación cultural no noso país, mentres que o sector se reinventaba desde a casa cunha chea de formatos a través das redes sociais para facer máis levadeiros os días de corentena.
Aprazadas, no caso de Unha noite na praia, todas as funcións para cando os teatros poideran estar cheos de novo, parecía un bo momento para probar cousas novas. A apertura dos espazos con limitacións nos aforos permitirá que os espectadores non deixen de ocupar as butacas durante este verán para gozar dalgúns espectáculos. Noutros casos (é o das producións conxuntas de Touriñán e Carlos Blanco) non resulta tan doado: con todas as entradas vendidas, será preciso agardar á normalidade que permita colgar de novo os carteis de entradas esgotadas.
Diante disto, volve Somos Criminais. O espectáculo máis aclamado polo público no teatro galego da última década, o que máis entradas vendeu (máis de 50.000) nunha xira de pouco máis dun ano. Volve cunha función moi especial, nunha experiencia única e inédita. O teatro para ver desde o sofá, mentres o virus que cambiou as vidas de todas e de todos non nos deixe aplaudir xuntos de novo.
NOTICIAS RELACIONADAS
Lamatumbá, finalista nos XIII Premios Martín Códax da Música
A banda ourensá opta ao galardón na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, reafirmando o seu lugar como un dos grandes referentes da festa e da música popular galega.
‘Amoriños’ chega a Cee e Vigo con cheos absolutos e suma novas funcións en Pontevedra e A Coruña
A xira de ‘Amoriños’, continúa esta fin de semana en Cee e Vigo, con case todas as entradas esgotadas. O espectáculo amplía ademais o seu percorrido con novas datas en Pontevedra e unha quinta función no peche da Coruña.
Xosé A. Touriñán súmase a ‘Chisteria Colectiva’, unha das grandes apostas do EMHU 2026
O humorista participa no espectáculo colectivo xunto a outros grandes nomes da comedia estatal, unha estrea absoluta no marco do encontro que xa colgou o cartel de entradas esgotadas para as súas dúas funcións en Palexco.


