Era visto! lanza un capítulo especial na rede sobre o coronavirus
As actrices e os actores gravaron a súa participación desde a casa e cos seus medios. O resultado estreouse esta semana nas redes sociais, cun grande éxito de audiencia, e centos de comentarios dos espectadores lembrando unha das súas series preferidas.

Era visto! volveu por un día. Os fans de Moncho, Elvira, Kevin José ou Puskas reencontráronse o pasado xoves cos seus personaxes preferidos da exitosa serie da Televisión de Galicia. Foi nun capítulo especial sobre a crise do coronavirus, titulado Escornavirus.
As actrices e actores montaron na súa casa os particulares decorados coñecidos polos espectadores para gravarse, cos seus propios medios, e así facer posible a volta ás pantallas, neste caso a través das redes sociais, da serie de Producións Zopilote que tanto éxito tivo durante anos na canle pública.
Federico Pérez, Marcos Pereiro, Patricia Vázquez, Manuel Manquiña, Xosé A. Touriñán, Víctor Fábregas e Isabel Risco convertéronse de novo nos veciños máis populares de Lameiro, desta volta para dar conta das consecuencias do coronavirus no seu día a día.
O capítulo acumula milleiros de reproducións e centos de comentarios aplaudindo a iniciativa, que ademais de facer máis levadeiros os últimos días de confinamento, ten tamén un fin solidario: a través do número de conta ES94 2080 0058 1430 4001 8734 recada fondos para os Bancos de Alimentos de Galicia.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.


