‘Unha noite na praia’ esgota as entradas para as tres funcións na Coruña
A nova xira do espectáculo dirixido e escrito por Javier Veiga supera as 5000 entradas vendidas. Para as funcións dos días 13, 14 e 15 de marzo no Teatro Colón da Coruña non quedan localidades. O 10 de marzo, o Auditorio da Illa de Arousa acollerá un pase do espectáculo, o primeiro desta volta.

O Museo Mundo Estrella Galicia, na Coruña, acolleu a pasada semana a presentación da segunda xira de ‘Unha noite na praia’. “Se botamos unha semana enteira, a xente seguiría enchendo o Colón”, aseguraron Javier Veiga, Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco, acompañados de Goretti Castro, de Estrella Galicia, e do Concelleiro de Educación, Cultura e Memoria Histórica do Concello da Coruña, Jesús Celemín, quen celebrou o éxito que Touriñán e Carlos Blanco teñen sempre nesta cidade. “Estamos moi orgullosos de tervos no Teatro Colón e de que os vosos espectáculos esgoten sempre todas as localidades”, afirmou.
Para as funcións que abrirán esta segunda xira, os días 13, 14 e 15, están esgotadas todas as entradas. Ata finais de xuño xirará ‘Unha noite na praia’ por toda Galicia -en www.unhanoitenapraia.gal pódense consultar todas as datas-, e haberá unha sorpresa final preto do verán. Non quixeron desvelala o director e os actores na presentación, aínda que Carlos Blanco quería dar algunha pista…
Antes da triple función da Coruña, Touriñán e Carlos Blanco estarán o 10 de marzo no Auditorio da Illa de Arousa, onde ensaiaron este espectáculo hai agora un ano, para un primeiro pase que ten tamén as entradas á venda, neste caso no Bar O Museo e na Administración de Loterías San Xulián, puntos de venda habituáis na localidade arousá.
En total son xa máis de 5000 as entradas vendidas para a xira, na que ademais de Estrella Galicia colaboran Deleite e Louzao – Mercedes Benz, e que coproducen, xunto con Undodez e Ainé Producións, as produtoras Medio Limón e Con de tres pés.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.
‘Moi Animal’, o novo monólogo de Touriñán, suma novas funcións á súa primeira xira
O novo monólogo de Xosé A. Touriñán esgota localidades en Cee e Santiago e amplía funcións na Coruña, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra. A xira, que comezará en outubro, continúa medrando antes da súa chegada aos escenarios galegos.
Chega ‘A Lacena Pequena’, un novo proxecto cultural itinerante
Ainé e E-ló Arquitectura poñen en marcha unha proposta que combina música, artes escénicas, gastronomía e patrimonio a través dunha singular infraestrutura.


