‘Fariña’, finalista en cinco categorías dos Premios María Casares de teatro
A adaptación da obra de Nacho Carretero é candidata nas categorías de mellor espectáculo, escenografía, iluminación, música orixinal e actor protagonista -Sergio Zearreta-. Os premios entregaranse no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia deu a coñecer o pasado mércores os finalistas dos Premios María Casares de Teatro, que recoñecen o traballo das compañías e os profesionais das artes escénicas en Galicia no último ano. Nun acto celebrado no Auditorio de Galicia, a adaptación teatral de Fariña, o espectáculo producido por Undodez, Ainé Producións e Oqueteño Media, foi recoñecido en cinco categorías.
O maxistral traballo de Sergio Zearreta sobre as táboas aspira a ser o mellor valorado polas actrices e actores do noso país nos premios, na categoría de mellor actor protagonista. Tamén o traballo de José Faro -Coti- e Laura Iturralde na escenografía e na iluminación obtivo o recoñecemento da AAAG, como finalistas nestas categorías. A música de Novedades Carminha, o propio Sergio Zearreta e os músicos e posprodutores de son Santi Jul e Iván Laxe, son tamén finalistas na categoría de mellor música orixinal.
Fariña é finalista tamén na categoría máis relevante, a de mellor espectáculo, onde competirán con Bernarda, de Malasombra, e Liberto, de Marelas Teatro.
O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá a gala de entrega de premios na que se darán a coñecer os galardóns.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.


