Este é o equipo que fará posible a primeira experiencia en Galicia de teatro online non gratuíto

O sábado 6 de xuño emitirase por primeira vez en Galicia unha función de teatro en streaming, con accesos limitados e de pago. Un fito histórico que abre novos camiños á hora de achegar a cultura ao público, e que aplaude o colectivo da emigración. Este é o equipo que o fará posible.

O equipo de Somos Criminais, no auditorio da Illa de Arousa | Foto: Marcos Pereiro

“Toda esta xente fai falta para ofrecervos con calidade de imaxe e son Somos Criminais este sábado”. Son palabras de Carlos Blanco en Instagram, no primeiro día de gravación do espectáculo que este sábado chegará ás pantallas en medio planeta. Ao redor de 3000 dispositivos servirán para que outros tantos espectadores poidan gozar dunha experiencia única e inédita: un espectáculo teatral de pago, en Galicia, e a través da rede.

Con Xosé A. Touriñán e o propio Carlos Blanco á cabeza, o equipo de Ainé Producións, Undodez e Condetrespés traballa durante toda a semana na produción dun produto audiovisual coidado ata o último detalle. Coa dirección de Tito Asorey en escena e de Jairo Iglesias na parte audiovisual, ata doce profesionais participan na gravación do espectáculo, no Auditorio de A Illa de Arousa, e outros tantos xestionan o desenvolvemento tecnolóxico, a comunicación e a produción que require a emisión.

Xunto con Jairo Iglesias, a directora de fotografía Lucía C. Pan e o actor e fotógrafo Marcos Pereiro encárganse da imaxe, con Dani Juncal aos mandos da iluminación. Breixo Giraldo e Santi Jul son os responsables do son, Chicha Blanco encárgase da caracterización, e Paco Abelleira, Miguel Vázquez, Manuel Martínez, Lois Blanco e Javi Lopa nas tarefas de produción.

O backstage tecnolóxico

Con Pilar Mera no desenvolvemento da páxina web e o sistema de accesos, a empresa coruñesa CINFO a cargo da emisión e o soporte tecnolóxico de Dinahosting, o equipo de Somos Criminais complétano Elisa Martínez e Álvaro Pérez Becerra, nas tarefas de produción, comunicación e atención aos espectadores.

Ataquilla súmase á iniciativa

A plataforma de venda de entradas que tanto Carlos Blanco como Touriñán empregan en todos os seus espectáculos colabora con esta iniciativa. Co obxectivo de ofrecer aos expectadores unha experiencia similar á da compra de entradas para asistir ao teatro, Ataquilla, a única plataforma sen ánimo de lucro en toda España, deseñou un cómodo e áxil sistema de compra que, en colaboración co equipo do espectáculo, permite aos espectadores mercar os seus accesos dun xeito doado e rápido, coa atención constante para calquera dúbida do seu equipo.

A emigración galega aplaude a iniciativa

Desde o anuncio da función online deste sábado sucedéronse decenas de comentarios nas redes sociais desde diferentes puntos do mundo. Logo de seguir desde a distancia o éxito dos espectáculos teatrais de Carlos Blanco e Touriñán a través de noticias e comentarios, por primeira vez centos de galegos na emigración poderán asistir, desde o outro lado da pantalla, a unha función completa. O próximo luns, na avaliación da iniciativa, desde as produtoras estudarase con detalle desde que paises se realizan as conexións, para traballar  con estes datos noutros proxectos para achegar a cultura a galegas e galegos con residencia en diferentes lugares do mundo.

Entrada anterior
Carlos Blanco e Touriñán volven con ‘Somos Criminais’ nunha función única para ver na casa
Artigo seguinte
Carlos Blanco e Touriñán conversarán cos espectadores de Somos Criminais despois da función

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Este é o equipo que fará posible a primeira experiencia en Galicia de teatro online non gratuíto