Carlos Blanco e Touriñán conversarán cos espectadores de Somos Criminais despois da función
Será un programa especial no que tamén participarán Tito Asorey, director do espectáculo, e José L. Prieto, autor da peza. Poderase seguir na mesma emisión do espectáculo, e tamén a través de Facebook Live nas páxinas de Touriñán, Carlos Blanco e Ainé Producións.

A do sábado será unha noite intensa para as seguidoras e seguidores de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán. Ás 22.30 comezará unha das funcións de teatro máis agardadas: hai un par de semanas os actores anunciaban o primeiro espectáculo teatral en streaming producido en Galicia, con aforo limitado e non gratuíto. Unha iniciativa que ás poucas horas xa suscitara o aplauso unánime do público, e que con preto de 3000 accesos vendidos supera xa hoxe todas as expectativas.
A noite non rematará o sábado coa función: logo de hora e media de risas, os actores compartirán un tempo de conversa en directo, desde as súas casas, nunha emisión que poderá seguirse a través de Facebook Live. Estarán acompañados de Tito Asorey, director de Somos Criminais, e José L. Prieto, autor da obra, que comentarán a experiencia desta produción teatral na rede, e contestarán as preguntas que as espectadoras e espectadores queiran realizar a través das redes sociais.
Será o peche dunha noite na que o teatro galego ampliará as súas posibilidades de difusión con este proxecto inédito no noso país: nunca antes un espectáculo non gratuíto chegara aos espectadores a través das pantallas.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.
‘Moi Animal’, o novo monólogo de Touriñán, suma novas funcións á súa primeira xira
O novo monólogo de Xosé A. Touriñán esgota localidades en Cee e Santiago e amplía funcións na Coruña, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra. A xira, que comezará en outubro, continúa medrando antes da súa chegada aos escenarios galegos.
Chega ‘A Lacena Pequena’, un novo proxecto cultural itinerante
Ainé e E-ló Arquitectura poñen en marcha unha proposta que combina música, artes escénicas, gastronomía e patrimonio a través dunha singular infraestrutura.


