Xosé A. Touriñán protagoniza ‘Amor de Bares’, o spot de Viña Costeira para apoiar á hostalería
A cooperativa ourensá chegará a máis de 8.000 establecementos en toda Galicia cunha edición especial do seu Ribeiro para axudar ao sector. Touriñán, que xa participara dos actos polo cincuenta aniversario da bodega hai dous anos, súmase á campaña interpretando ao dono dun bar no día da reapertura.
Viña Costeira convida á primeira. Faino na volta á normalidade cunha campaña de apoio á hostalería, baixo o título de Amor de Bares, e que conta con Xosé A. Touriñán como protagonista dun spot. A cooperativa fará chegar de balde unha edición especial do seu Ribeiro a máis de 8000 establecementos en todo o país, nun momento especialmente complexo para o sector.
Na peza, Touriñán interpreta ao propietario dun bar que, en pleno confinamento, practica cos obxectos que o rodean para non perder a forma. Todo antes do momento máis especial, o de abrir as portas de novo e recibir aos clientes novos e aos de sempre, que volven ocupar por fin as mesas e as barras de todos os locais de Galicia.
Producido por Undodez e Ainé Producións, a peza está dirixida por Jairo Iglesias, co guión de José L. Prieto e a dirección de fotografía de Lucía C. Pan. A música composta por David Quinzán, un dos habituáis nos proxectos de Xoel López, percorre cada segundo da historia dun spot que xa recibe nas redes sociais o aplauso unánime tanto dos seguidores de Touriñán como do sector da hostalería.
Amor de Bares contará con dous anuncios máis, que a bodega publicará nas redes sociais nas próximas semanas, tamén protagonizados por Touriñán.
NOTICIAS RELACIONADAS
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.
Ainé estrea unha aplicación móbil para achegar a súa actividade ao público
A ferramenta reúne nun mesmo espazo a programación de espectáculos, as opcións de compra de entradas, as últimas noticias e os contidos audiovisuais da produtora. Está dispoñible de balde para dispositivos iOS e Android.


