‘Somos Criminais’ chega ás pantallas dos cines de verán

A adaptación audiovisual do espectáculo de Carlos Blanco e Touriñán, que o pasado 6 de xuño reuniu a máis de 10.000 espectadores na súa estrea online, formará parte da programación de diferentes concellos para os seus cines ao aire libre.

A vida extra de Somos Criminais durará algo máis do esperado. Os cines de verán de diferentes concellos galegos incluirán na súa programación a versión audiovisual do espectáculo de Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco, logo do éxito da emisión en streaming que hai unhas semanas semanas permitiu desfrutar co espectáculo en máis de 3500 fogares de todo o mundo.

A posibilidade de contar con esta función inédita atraeu a diferentes asociacións e concellos de todo o país, que nos días seguintes á emisión na rede contactaron para interesarse sobre a opción de adquirir os dereitos de emisión da peza, completando as programacións de cine de verán cunha proposta diferente, que durante hora e cuarto permite gozar ao público cos dous actores máis populares do momento en Galicia.

Os concellos que finalmente programarán a adaptación audiovisual de Somos Criminais contarán coa peza nas calidades de emisión óptimas, tanto de son como de vídeo, para a súa emisión tanto en cines de verán como en autocines, que permiten cumprir con todas as medidas sanitarias nuns meses nos que os espectadores convivirán con determinadas limitacións en espazos públicos.

Para os organizadores deste tipo de actividades interesados, Ainé Producións habilita os seus contactos habituáis (o correo electrónico ola@aine.gal e o teléfono 881 946 972).

A versión audiovisual de Touriñán e Carlos Blanco foi dirixida e realizada por Jairo Iglesias, cun equipo de máis de doce persoas do que formaron parte a directora de fotografía Lucía C. Pan, o fotógrafo Marcos Pereiro, o posprodutor de son Santi Jul, a maquilladora Chicha Blanco, os iluminadores Dani Juncal e Breixo Giraldo, ou o director e dramaturgo Tito Asorey, que xa fixera a dirección de escena na xira.

Trátase dunha peza de hora e cuarto de duración, no que os actores reflexionan sobre as diferentes vertentes do crime galego. O espectáculo conta coa ademais coa música orixinal de Zënzar.

Entrada anterior
Xosé A. Touriñán protagoniza ‘Amor de Bares’, o spot de Viña Costeira para apoiar á hostalería
Artigo seguinte
‘Fariña’ estará na Mostra Internacional de Ribadavia o 18 de xullo

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » ‘Somos Criminais’ chega ás pantallas dos cines de verán