‘Fariña’ estará na Mostra Internacional de Ribadavia o 18 de xullo
A adaptación teatral da obra de Nacho Carretero, que non se representaba desde o pasado mes de xaneiro, regresará ao escenario o próximo sábado 18 de xullo no festival de teatro ourensán.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) vén de anunciar o seu programa para a edición deste ano, que se celebrará entre o 17 e o 27 de xullo. A adaptación teatral de Fariña, baseada na obra de Nacho Carretero, será un dos pratos fortes do evento e poderase ver o sábado 18 de xullo ás 23:00 no Auditorio do Castelo. As entradas estarán á venda a partir do 6 de xullo, mentres que os abonos para a Mostra xa están dispoñibles, tanto na páxina de Ataquilla como na oficina da MIT.
Esta función suporá o regreso de Fariña aos escenarios, que levaba sen representarse desde o pasado xaneiro. O espectáculo sobre a historia do narcotráfico en Galicia, levado ao teatro por Xosé A. Touriñán e o propio Carretero, foi nomeado finalista en cinco categorías dos Premios María Casares de teatro pouco antes do confinamento. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, responsable dos galardóns, comunicou que a obra era unha das candidatas nas categorías de Mellor espectáculo, escenografía, iluminación e música orixinal. Ademais, o actor Sergio Zearreta tamén opta ao premio de Mellor actor protagonista.
Fariña chega á Mostra Internacional de Teatro despois de ser vista por preto de 20.000 espectadores o pasado ano e de acadar o éxito entre público e crítica. Neste sentido, segue os pasos do libro orixinal e da serie, que lograron espertar interese tanto dentro como fóra de Galicia.

A acción da peza dirixida por Tito Asorey non deixará que os espectadores quiten ollo da escena. A partir dunha impoñente descarga, sucedéranse conversas entre veciños e rapaces das vilas próximas que falan, compran e consomen con soltura o famoso Winston de batea. Os actores entrarán e sairán para dar vida a deceas de personaxes como o alcalde corrupto disposto a financiar unha verbena, os veciños máis novos que proban mercancía a escondidas… O elenco está composto por Marcos Pereiro, María Vázquez, Sergio Zearreta, Xosé A. Touriñán e Cristina Iglesias.
A obra tamén conta cun tema orixinal propio (Que mal vai ter?) producido e interpretado para o espectáculo polo grupo Novedades Carminha.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.


