‘Fariña’ abrirá a temporada de teatro en Madrid
As Naves del Español acollerán do 17 de setembro ao 11 de outubro o espectáculo dirixido por Tito Asorey, que leva ás táboas a exitosa obra de Nacho Carretero. Os teatros públicos madrileños retomarán coa produción galega a súa programación logo da crise sanitaria.

Madrid volve ao teatro. O concello da capital do Estado presentou onte a programación do Teatro Español e as Naves del Español en Matadero, os dous centros de referencia na cidade. E ‘Fariña’, a adaptación da obra de Nacho Carretero sobre a historia do narcotráfico en Galicia, será un dos primeiros títulos neste reencontro entre actores, actrices e espectadores logo da parálise provocada pola crise sanitaria.
O espectáculo producido por Carretero, Xosé A. Touriñán e Ainé Producións representarase na sala Fernando Arrabal das Naves del Español de martes a domingo, entre o 17 de setembro e o 11 de outubro. As entradas, cun prezo de 20 euros, están xa á venda a través da web oficial do espazo.
Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro, María Vázquez, Sergio Zearreta e Cris Iglesias protagonizan este intenso relato da realidade no noso país durante a época do narcotráfico, adaptado por José L. Prieto a partir do ensaio de Nacho Carretero, baixo a dirección de Tito Asorey.
O espectáculo xirou por Galicia o pasado inverno cun sensacional éxito de crítica e público, enchendo nos teatros de todas as grandes cidades. A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia acollerá o próximo 18 de xullo a primeira representación de ‘Fariña’ logo do remate, o pasado mes de xaneiro, da primeira xira.
Unha produción teatral de grande formato
Xosé A. Touriñán e Nacho Carretero decidiron precisamente en Madrid producir xuntos a adaptación teatral de Fariña. Quixeron facelo ao grande, buscando que o espectador tivese a oportunidade de vivir desde a súa butaca a realidade nun tempo no que en Galicia houbo festa, pero tamén moitas bágoas.
Coa dirección de Tito Asorey, José L. Prieto adaptou o texto da obra literaria asesorado polo propio Carretero. José Faro “Coti” e Laura Iturralde foron os encargados de construir o espazo escénico e o deseño de iluminación. O vestiario de Ruth D. Pereira e os arranxos musicais de Sergio Zearreta sobre o tema orixinal de Novedades Carminha acabaron de compoñer un espectáculo de grande formato, apoiado pola Xunta de Galicia a través da AGADIC, así como por patrocinadores privados como Estrella Galicia e Deleite.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.
‘Moi Animal’, o novo monólogo de Touriñán, suma novas funcións á súa primeira xira
O novo monólogo de Xosé A. Touriñán esgota localidades en Cee e Santiago e amplía funcións na Coruña, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra. A xira, que comezará en outubro, continúa medrando antes da súa chegada aos escenarios galegos.
Chega ‘A Lacena Pequena’, un novo proxecto cultural itinerante
Ainé e E-ló Arquitectura poñen en marcha unha proposta que combina música, artes escénicas, gastronomía e patrimonio a través dunha singular infraestrutura.


