O Castelo Conta decide deixar para o 2021 a súa sexta edición

O festival dirixido por Xosé A. Touriñán non se celebrará este mes de agosto, diante das incertezas sobre a evolución da situación sanitaria. A decisión, comunicada o pasado luns ao Concello de Culleredo, a Deputación da Coruña e os principais patrocinadores, tómase para “protexer” tanto ao público como ás veciñas e veciños de Castelo.

Non haberá Castelo Conta no 2020. Logo de varios meses de dúbidas e proxectos, contemplando diferentes escenarios e protocolos de seguridade, a Comisión de Festas de Castelo, xunto co resto de entidades e asociacións que participan da organización, decidiron deixar para o 2021 a sexta edición do festival. Unha medida, segundo indicaron nun comunicado publicado nas redes sociais, que busca “protexer ao público e á xente de Castelo”. “Tempo haberá para todo o demais” -apuntaron.

Xosé A. Touriñán, director do festival, dirixiuse este luns ao Vicepresidente e ao Deputado de Cultura da Deputación da Coruña, que desde hai varios anos colabora co Castelo Conta, para trasladarlles a decisión e agradecerlles “o apoio e interese da Deputación neste tipo de eventos, que tanto axudan a que a cultura e a lingua cheguen a todos os lugares da nosa provincia”.

Touriñán, veciño de Castelo e principal valedor do festival, contactou tamén por carta co Alcalde de Culleredo para comunicarlle a suspensión e emprazalo a manter a colaboración na edición do 2021. “O compromiso de Castelo co rural e coa cultura debe ser tamén o do Concello, entendendo o Castelo Conta como unha actividade vertebradora de moito: dinamización de Culleredo, difusión da cultura e o patrimonio, posta en valor do rural, lecer sostible, promoción da lingua e a tradición oral…” -sinalou.

A organización do Castelo Conta agradeceu tamén a Deleite e Estrella Galicia, patrocinadores do festival, o seu apoio incondicional durante os últimos meses, “fóra cal fóra a nosa decisión”.

Nas redes sociais sucedéronse desde o anuncio numerosas reaccións do público, valorando a decisión como “a máis coherente e sensata” no contexto actual.

Apoio de Estrella Galicia

Na tarde do mércores Estrella Galicia lanzou a través das súas redes sociais unha mensaxe de apoio ao festival. “A resistencia nunca deixa a ninguén atrás”, na liña das súas últimas campañas, acompaña a unha fotografía de Touriñán diante da Capela de San Ramón, en Castelo.

Artigo anterior
‘Fariña’ abrirá a temporada de teatro en Madrid
Artigo seguinte
Xosé A. Touriñán e Federico Pérez rodarán o filme ‘Cuñados’ desde o 17 de agosto

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » O Castelo Conta decide deixar para o 2021 a súa sexta edición