Xosé A. Touriñán e Federico Pérez rodarán o filme ‘Cuñados’ desde o 17 de agosto
A partir do próximo 17 de agosto comezará en Ourense a rodaxe de Cuñados, unha comedia protagonizada polos actores Xosé A. Touriñán, Federico Pérez e Miguel de Lira. A estrea do filme está prevista para os primeiros meses do 2021.

Cuñados conta a historia de tres cuñados que se embarcan por azar nun plan disparatado. O filme, que se empezará a rodar o 17 de agosto, estará dirixido por Toño López e será a primeira película da produtora galega Portocabo. Entre o seu elenco, contará con recoñecidos actores do mundo da comedia, como Xosé A. Touriñán ou Federico Pérez, que xunto con Miguel de Lira interpretarán os tres papeis protagonistas. No caso de Touriñán, o actor de Castelo continúa así coa súa carreira no mundo da ficción e suma un novo título á súa filmografía, onde xa se contan títulos como “Os fenómenos” (2014), dirixida por Alfonso Zarauza. O nome de Touriñán xa non só soa dentro do país, senón que o seu traballo comeza a ser cada vez máis coñecido fóra de Galicia. O seu papel na serie de televisión Fariña (2018) foi unha porta de entrada á ficción nacional, onde seguiu traballando en proxectos como Pequeñas coincidencias (2018), de Amazon Prime Video, ou Justo antes de Cristo (2019), de Movistar +.
Para Federico Pérez tamén supón unha volta ao mundo do cinema, pois o actor xa participara anos atrás en filmes como Encallados (2013), de Alfonso Zarauza, ou a multipremiada Mar adentro (2004), coa que Alejandro Amenábar gañou o premio Oscar á Mellor película de fala non inglesa.
Os dous actores galegos porán a súa experiencia no mundo da comedia, onde xa contan con anos e anos de actuacións por todo o país, ao servizo da película. Cuñados é unha comedia alegre, familiar e pensada para todos os públicos. O filme coloca o foco nas miserias humanas para facerlle reflexionar aos espectadores sobre os seus problemas mediante un humor cargado de tenrura. Parte do equipo de Ainé Producións participará na produción dunha cinta que dará moito que falar.
A película ten prevista a súa estrea para principios do ano 2021 e conta coa participación da Televisión de Galicia, coa colaboración da Deputación de Ourense e con fondos da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Ademais, forma parte do grupo de filmes seleccionados na segunda mesa de valoración do cine de RTVE para este ano.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Amoriños’ amplía a súa segunda xira con novas datas e funcións
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo suma novas paradas na súa xira de primavera, incluíndo no percorrido a Vilagarcía, Santiago, Ourense, Cee e Narón.
Xosé A. Touriñán inicia este venres o percorrido estatal do seu monólogo
O cómico actúa esta semana no Teatro Arlequín Gran Vía, primeira parada dunha serie de funcións que o levarán tamén por Bilbao, Barcelona e Oviedo nos próximos meses.
‘Amoriños’ prepárase para unha primavera de amor sobre as táboas
Tras unha primeira xira con funcións esgotadas, Touriñán e Perdomo regresarán no mes de marzo coa súa última proposta, un espectáculo de citas tolas, improvisación e moito corazón.


