Logo da súa preestrea no Festival de Málaga e do seu paso por diferentes festivais, esta fin de semana chega por fin aos cines ‘Amigos hasta la muerte’, o debut na dirección dunha longametraxe de Javier Veiga. Protagonizado polo propio Veiga, Marta Hazas e Mauricio Ochmann, o filme conta a historia de María, Nacho e Suso, catro amigos que viviron xa, aos seus corenta anos, moitas cousas xuntos. Algunhas destas cousas uníronos moito e outras separáronos. De súpeto, a vida fai que teñan que enfrontarse á morte anunciada dun deles por causa dunha enfermidade terminal. Pero antes, quedan moitos asuntos por pechar: plans, promesas, risas, reconciliacións, desculpas, lembranzas, máis risas, choros, risas doutra volta, temas pendentes e algún secreto que, pode ser, chegase a hora de contar.
Xosé A. Touriñán interpreta, precisamente, un dos amigos dos tres protagonistas. E é que para esta primeira longa, Javier Veiga rodeouse dun elenco de bos amigos para interpretar aos do seu personaxe na ficción. A longametraxe está baseada na exitosa obra de teatro homónima escrita tamén por Veiga, cuxa versión galega protagonizaban David Amor, Ledicia Sola e Touriñán, quen participan tamén na película. O elenco de ‘Amigos hasta la muerte’ complétano Luna Gallego, Nacho Nugo e Óscar Allo, que interpretan a María, Nacho e Suso cando tiñan só vinte anos, Mela Casal, Fele Martínez, Patricia Castillón e Xoel López, quen tamén é autor do tema principal.
‘Amigos hasta la muerte’ é unha coprodución de MedioLimón, Undodez e Onírica Films e rodouse integramente en Galicia, sendo Ourense o seu escenario principal e contando tamén con localizacións en Santiago de Compostela e no Grove.
Desde hoxe, venres 22 de setembro, o filme pode verse en Cinexpo (Pontevedra), Cantones Cines (A Coruña), Codex Cinema (Lugo), Cine Seixo (Marín), Cinesa As Cancelas (Santiago), Ponte Vella (Ourense), Cines Tamberlick e Yelmo Travesía (Vigo), Odeon Multicines (Narón) e Novocine (Leiro).