Pasou o verán e quedou atrás a primeira parte do ano. Tanto en Ainé como en Undodez, a nosa produtora audioviusal irmá, comezamos o curso con máis obxectivos e proxectos que tempo e recursos cos que atendelos, así que logo de darlle algunhas voltas, decidimos lanzarnos, de novo, a unha oferta de emprego.
Cos nosos equipos de produción, de xestión e comercial a pleno rendemento, precisamos reforzar a área de contidos, da que forman parte as compañeiras e compañeiros que traballan no desenvolvemento de proxectos, a comunicación, o deseño e a promoción.
Estamos abertos a recibir propostas de todo tipo. Hai cousas que nos parecen imprescindibles, e outras que sumarán á hora de decidirnos.
As imprescindibles son, nesta orde, ter interese por traballar na cultura, saber escribir ben en galego, e coñecer as ferramentas fundamentais coas que se traballa no ámbito da comunicación e os contidos.
As que valoraremos especialmente son saber maquetar e/ou deseñar, e ter coñecementos sobre o inabarcable mundo do márketing -en especial, do márketing dixital- e sobre os recursos cos que se traballa neste ámbito, como Google Analytics, todo o universo de Meta, ou ferramentas de envío de correos electrónicos. Tamén teremos en conta o coñecemento ou interese en deseño e programación de páxinas web e todo tipo de contidos dixitais.
Na tendencia das grandes empresas cara a especialización (cuxos beneficios compartimos) nós desmarcámonos para incorporar un perfil moi versátil. A razón ten que ver con algo que debedes saber: aquí facemos moitas cousas -incluso moitas cousas á vez- e moi diferentes. Non sabemos se é moi recomendable, pero si sabemos que é moi entretido.
Sobre a nosa filosofía de negocio podes ler máis aquí. É importante compartila para unirte ao noso equipo, polo menos en liñas xerais!
As condicións
Sobre o salario, 1.500 € brutos ao mes en doce pagas. Sobre o horario, 35 horas semanais -como sinala o convenio do noso sector, por certo-, con xornada partida no inverno (pero dúas tardes libres á semana), e xornada intensiva no verán. Sobre a forma de traballo, presencial na nosa oficina da Coruña (flexible cando calquera circunstancia persoal o requira).
O proceso
Agradecemos moito que en vez de escribirnos por correo eletrónico cubras o seguinte formulario da nosa web, onde poderás adxuntar o teu currículo (que non é imprescindible) ou calquera outro documento que creas que podera ser útil para nós.
Comprometémonos a contestar, como facemos sempre. Iso si: xa que precisamos a incorporación con certa urxencia, non demoraremos moito a decisión.
A nosa idea é facer unha selección dos perfís que mellor encaixen no que precisamos, e pedir tanto un texto escrito en galego (orixinal ou xa existente), e unha conversa por videochamada na que coñecernos.
‘Corentena’ comeza en Narón un mes con todas as entradas esgotadas
Os dous cómicos enchen os catro pases do espectáculo programados no Pazo da Cultura.