‘Aquí Tou!’ despide a xira de outono en Ribeira
Despois de meses percorrendo Galicia e de sumar función tras función con auditorios cheos, 'Aquí Tou!' chega ao seu remate definitivo. Ribeira acolle este venres as dúas últimas representacións dun espectáculo que pecha así unha etapa moi especial sobre os escenarios.
Aquí Tou! chega este venres 26 de decembro ao final da súa xira de outono. O Auditorio Municipal de Ribeira será o escenario das dúas últimas representacións do monólogo de Xosé A. Touriñán, programadas ás 20.30 e ás 23.00, ambas coas localidades esgotadas.
Durante esta xira de outono, iniciada en novembro, Aquí Tou! percorreu diversos escenarios galegos, con funcións en Ribadumia, A Estrada, A Rúa, Vimianzo, Rianxo, Salceda de Caselas e, finalmente, Ribeira. Desde a súa estrea, reuniu a milleiros de espectadores en teatros e auditorios de todo o país, sumando máis de trinta paradas grazas a esta última fase. A xira destacou pola frecuente ampliación de funcións e pola rapidez coa que se esgotaban as entradas, consolidándose como un percorrido marcado pola continuidade e a fidelidade do público.
Nesta proposta, Xosé A. Touriñán percorre con humor e tenrura os momentos máis significativos da súa vida, mesturando realidade e ficción, lembranzas persoais e referencias á cultura popular galega. Xunto a José L. Prieto na escritura, o monólogo constrúe un relato próximo e recoñecible, no que o humor convive coa emoción e permite que as persoas asistentes participen desde a identificación e a complicidade.
O espectáculo consolidouse como unha proposta sólida no panorama do humor galego, mantendo un vínculo constante co público e convertendo cada función nun espazo único de humor e emoción. A despedida en Ribeira pecha este percorrido de Aquí Tou!, deixando atrás unha xira marcada pola resposta entusiasta das espectadoras e espectadores.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Moi Animal’ encara a recta final da súa primeira xira
O monólogo de Touriñán ofrecerá seis funcións entre Lugo, Burela e Santiago de Compostela esta fin de semana. Os pases de Lugo e Burela xa teñen todas as entradas esgotadas.
‘Territorio Regueifa’ continúa o percorrido fóra de Galicia con dúas funcións en Asturias
O espectáculo chegará a Xixón e Vegadeo os días 27 e 28 de novembro, respectivamente, nunha nova parada da xira que está levando a improvisación oral galega a outros territorios.
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.



