Recta final da xira de ‘Amoriños’: últimas entradas dispoñibles para A Coruña
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo encara as últimas funcións da súa primeira xira tras varias paradas polo país. Palexco acollerá catro pases para os que aínda é posible conseguir as últimas entradas.
O sábado 27 de decembro, con funcións ás 18.30 e ás 21.00, e o domingo 28 ás 19.00 e ás 21.30, Palexco acollerá as derradeiras representacións desta primeira xira de Amoriños, o espectáculo creado e interpretado por Xosé A. Touriñán e David Perdomo. Será a última oportunidade para ver en directo unha proposta que conectou co público desde a súa estrea e que, función tras función, foi consolidándose como un dos títulos máis destacados da tempada teatral galega.
Despois de petar auditorios con Corentena e Corentena · Game Over, o dúo regresou aos escenarios cunha comedia situada no territorio máis imprevisible de todos: o amor. Amoriños propón unha sucesión de citas tolas, paixóns imposibles e personaxes que non deberían coincidir… pero coinciden. Un ‘First Dates’ á galega no que conviven o humor máis salvaxe, a improvisación e unha dose inesperada de emoción.
A xira, iniciada en Noia o pasado mes de novembro, estivo marcada polos cheos e pola ampliación de funcións na maioría das súas paradas. Pasou por Vigo, Vilagarcía, Santiago e agora pon o punto e final a esta primeira etapa na Coruña. O éxito da proposta confirma a forte conexión do público coa química escénica de Touriñán e Perdomo, capaces de facer que cada pase sexa distinto.
As últimas entradas para A Coruña están dispoñibles a través da web do espectáculo, www.amorinos.info. Serán catro funcións nesta última fin de semana, unha oportunidade para ver como, sobre o escenario, o amor -ou mellor dito, as súas aventuras e desventuras- segue a ser un motor infalible para a comedia.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



