Bibopalula abre no Culturgal a nova xira do espectáculo
Bibopalula · O Espectáculo presenta no Culturgal a primeira parada da súa xira de inverno.
Un encontro para cantar, rir e acompañar á Banda do Bosque nunha aventura pensada para as máis pequenas e pequenos.
Bibopalula · O Espectáculo chega este domingo ao Culturgal 2025 para converter este domingo, 30 de novembro, nun encontro cheo de música, fantasía e natureza. Esta función marcará o inicio dunha nova andaina para esta proposta, que levará á Banda do Bosque por diferentes cidades galegas durante os meses de inverno. A cita será ás 12.00 no Pazo da Cultura de Pontevedra, e promete deslumbrar á cativada de entre 2 e 6 anos.
Tras o éxito da súa primeira tempada, Ava e os seus amigos Robin, Carpin, Pegui e Merli regresan aos escenarios con esta obra, musical e teatral, que combina humor, tenrura e unha estética moi coidada. Cunha misión encomendada polo Señor Moucho, a Banda do Bosque convidará ao público a seguir os seus pasos á procura dun misterioso tesouro, explorando os segredos da natureza e os fenómenos que transforman o bosque.
Con dirección e texto de Marta Lado, e a interpretación de Lidia Veiga, Cristina Andrade, Graciela Carlos, Sara Ferro e Nerea Rodríguez, o espectáculo continúa a estender o universo creado por Undodez e a Televisión de Galicia. As doce cancións orixinais, xa recoñecibles para as familias que seguen a serie, constrúen unha experiencia inmersiva onde a música impulsa cada aventura.
A función do Culturgal dá así o pistoletazo de saída a unha nova xira que continuará por Vilagarcía, A Coruña e Vigo durante o inverno. Unha oportunidade para achegarse en directo a un dos proxectos escénicos familiares máis destacados do panorama galego.
As entradas están dispoñibles a través da web do espectáculo, bibopalula.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
Xosé A. Touriñán recibe o Premio de Honra Manuel Lourenzo de Feteagal
O recoñecemento foi entregado o pasado sábado no Teatro Colón da Coruña, durante a gala dos I Premios Feteagal Manuel Lourenzo do Teatro Amador Galego.
Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A primeira parada do proxecto será en Ponte Ulla, onde a Lacena desenvolverá unha programación cultural durante os días 18 e 19 de setembro. A iniciativa continuará posteriormente por concellos de menos de 5.000 habitantes.
‘A Lacena Pequena’ comeza en Vedra a súa primeira viaxe
O proxecto itinerante impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura levará programación cultural a pequenos núcleos de poboación e dará a coñecer mañá en Ponte Ulla as cinco paradas do seu primeiro percorrido.



