Xosé A. Touriñán e Javier Veiga protagonizan a curtametraxe de promoción turística da Coruña
A alcaldesa da cidade, Inés Rey, presentou en Madrid "Al Oeste del Noroeste", un western escrito e dirixido polo propio Veiga, que xa suma milleiros de visualizacións en YouTube.
O Espacio Larra, en Madrid, acolleu onte a presentación da estratexia turística da cidade da Coruña para o 2025 no marco da Feira Internacional de Turismo, que se celebra durante toda esta semana.
Javier Veiga conduciu un acto no que tamén participaron Carolina Iglesias ou Luar na Lubre, e no que foi estreada “Al Oeste del Noroeste”, unha curtametraxe de tres minutos protagonizada polo actor grovense e por Xosé A. Touriñán, e na que a través do humor se describen os grandes atractivos turísticos da cidade.
Veiga, un forasteiro que chega de lonxe, coñece a Touriñán na taberna que rexenta na Coruña. Logo de descubrir a ampla oferta gastronómica que se lle ofrece enumera algúns dos lugares que xa tivo ocasión de visitar, ata coñecer o máis importante que a cidade pode ofrecerlle.
A curtametraxe xa pode verse a través da canle de YouTube do Concello da Coruña, onde pouco despois da súa estrea xa acumula milleiros de reproducións.
A colaboración do público do Teatro Colón
“Al Oeste del Noroeste” está escrita e dirixida por Javier Veiga e producida por Medio Limón coa colaboración de Undodez, cun equipo de máis de vinte profesionais do audiovisual galego. Foi rodada a pasada semana en diferentes puntos da cidade, entre eles, o Teatro Colón, onde se gravou un dos planos máis chamativos da peza, coa colaboración do público asistente ao espectáculo solidario organizado en favor de Ecos do Sur.
A curtametraxe terá difusión desde esta semana en medios estatais, ademais de presentarse no stand de Galicia na Feira Internacional de Turismo.
NOTICIAS RELACIONADAS
Xosé A. Touriñán recibe o Premio de Honra Manuel Lourenzo de Feteagal
O recoñecemento foi entregado o pasado sábado no Teatro Colón da Coruña, durante a gala dos I Premios Feteagal Manuel Lourenzo do Teatro Amador Galego.
Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A primeira parada do proxecto será en Ponte Ulla, onde a Lacena desenvolverá unha programación cultural durante os días 18 e 19 de setembro. A iniciativa continuará posteriormente por concellos de menos de 5.000 habitantes.
‘A Lacena Pequena’ comeza en Vedra a súa primeira viaxe
O proxecto itinerante impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura levará programación cultural a pequenos núcleos de poboación e dará a coñecer mañá en Ponte Ulla as cinco paradas do seu primeiro percorrido.



