Xosé A. Touriñán interpretará a Manuel Fraga en ‘La Canción’, a nova serie de Movistar+
Creada por Pepe Coira e Fran Araujo, estrearase o 8 de maio, e conta historia detrás da vitoria de Massiel en Eurovisión no ano 1968.
Xosé A. Touriñán volve á ficción esta primavera como parte do reparto de La Canción, unha miniserie de tres episodios sobre o histórico triunfo de Massiel en Eurovisión.
Esteban Guerra -Patrick Criado-, un inexperto executivo de Radio Televisión Española, recibe a orde de asegurar a victoria de España en Eurovisión. Con pouca experiencia no mundo musical, pero decidido a cumprir coas expectativas dos seus superiores, lidera a “Operación Eurovisión”. Así, recruta a Artur Kaps -Àlex Brendemühl-, un experto en espectáculos televisivos, con quen emprende a busca da canción e o intérprete ideais que proxecten unha imaxe moderna de España ao resto de Europa. No proceso superan múltiples obstáculos, como unha polémica con Joan Manuel Serrat -Marcel Borràs-, que inicialmente fora seleccionado como representante español. Finalmente, a responsabilidade é de Massiel -Carolina Yuste-, quen logra unha histórica vitoria co coñecido “La, La, La”.
Como parte do contexto social e político da época aparecen na serie diferentes figuras, entre elas a de Manuel Fraga, interpretada por Xosé A. Touriñán. A serie combina drama, comedia e nostalxia, para lembrar un momento decisivo do tardofranquismo. Os galegos Pepe Coira e Fran Araújo están detrás do guión e a idea orixinal de La Canción, que Movistar+ estreará o 8 de maio.
Novos proxectos de Touriñán fóra de Galicia
La Canción será o primeiro proxecto audiovisual de ficción no que participará Touriñán este ano. Tamén estará na segunda temporada de Clanes, cuxa rodaxe foi anunciada esta pasada semana por Netflix, ou a longametraxe Rondallas, dirixida por Daniel Sánchez Arévalo.
NOTICIAS RELACIONADAS
Xosé A. Touriñán recibe o Premio de Honra Manuel Lourenzo de Feteagal
O recoñecemento foi entregado o pasado sábado no Teatro Colón da Coruña, durante a gala dos I Premios Feteagal Manuel Lourenzo do Teatro Amador Galego.
Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A primeira parada do proxecto será en Ponte Ulla, onde a Lacena desenvolverá unha programación cultural durante os días 18 e 19 de setembro. A iniciativa continuará posteriormente por concellos de menos de 5.000 habitantes.
‘A Lacena Pequena’ comeza en Vedra a súa primeira viaxe
O proxecto itinerante impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura levará programación cultural a pequenos núcleos de poboación e dará a coñecer mañá en Ponte Ulla as cinco paradas do seu primeiro percorrido.



