Estreamos ‘Somos Criminais e punto final’
Coas entradas esgotadas, o Auditorio de Galicia acolle as tres primeiras funcións da xira de presentación do espectáculo que pon punto e final a un dos proxectos máis exitosos do teatro galego. Os dous cómicos pasarán logo por Vilagarcía, Cangas, Ourense, Lugo, Burela, Vigo, A Coruña, Pontevedra e Narón.
Falta pouco máis dunha hora para a fin do mundo. En Galicia, unha nave, a Arteixo II, está a piques de despegar cuns poucos elixidos a bordo en dirección a un planeta onde empezarán unha nova vida. Os capitáns da nave, Carlos Blanco e Touriñán, son os encargados de que a evacuación se leve a cabo con éxito e de meter nesta Arca de Noé galega todo o noso patrimonio humano, material e inmaterial máis prezado, para que a nova terra á que emigraremos siga sendo criminal.
Esta é a premisa do espectáculo co que Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán poñen o punto e final a un dos proxectos máis exitosos do teatro galego nas últimas décadas. Dirixido por Tito Asorey con textos de José L. Prieto, Carlos Blanco e Touriñán, Somos Criminais e punto final comeza este venres, 1 de novembro, a súa xira de presentación por toda Galicia. Logo do éxito de Somos Criminais e Somos Criminais 3, os dous cómicos volven subir xuntos aos escenarios para explorar o noso xeito especial de ser e estar no mundo, mediante un humor e complicidade marca da casa que conseguiu levar máis de 100.000 espectadores aos teatros galegos.
O gran éxito entre o público das anteriores entregas de Somos Criminais semella ter continuidade con Somos Criminais e punto final, vendendo máis de 17.000 entradas nestas primeiras semanas. O espectáculo, producido por Ainé e Condetrespés, estará de xira ata o mes de xaneiro. As entradas están á venda en somoscriminais.gal e na plataforma Ataquilla.
Consulta todas as datas
NOTICIAS RELACIONADAS
Xosé A. Touriñán recibe o Premio de Honra Manuel Lourenzo de Feteagal
O recoñecemento foi entregado o pasado sábado no Teatro Colón da Coruña, durante a gala dos I Premios Feteagal Manuel Lourenzo do Teatro Amador Galego.
Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A primeira parada do proxecto será en Ponte Ulla, onde a Lacena desenvolverá unha programación cultural durante os días 18 e 19 de setembro. A iniciativa continuará posteriormente por concellos de menos de 5.000 habitantes.
‘A Lacena Pequena’ comeza en Vedra a súa primeira viaxe
O proxecto itinerante impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura levará programación cultural a pequenos núcleos de poboación e dará a coñecer mañá en Ponte Ulla as cinco paradas do seu primeiro percorrido.



