Ainé recibe a insignia de Empresa con Alma outorgada por Ecos do Sur
A ONGD recoñece o labor de Ainé na posta en valor da cultura como forma de cohesión social e territorial e o respecto pola diversidade.
Ainé acaba de ser recoñecida pola ONGD galega Ecos do Sur co seu distintivo de Empresa con Alma, unha honra que premia o noso compromiso coa comunidade e a integración social. Este recoñecemento é un reflexo dos nosos valores fundamentais e a importancia de aliñar o noso labor artístico co compromiso social. Ainé aposta pola cultura como forma de cohesión social e territorial, así como polo respecto á diversidade.
Ecos do Sur traballa incansablemente desde 1991 para conectar os talentos das persoas máis vulnerables coas necesidades da comunidade, impulsando un país máis próspero, xusto e diverso. A través das súas iniciativas facilitan a igualdade xurídica, vivenda, saúde e oportunidades laborais a quen máis o necesitan, incluíndo migrantes, persoas en situación de desemprego e mulleres en especial vulnerabilidade.
O noso compromiso con Ecos do Sur non é novo. Xa na oitava edición do noso festival Castelo Conta en 2023, colaboramos activamente con eles a través da venda da Camisola Solidaria, cuxo beneficio foi destinado integramente aos seus proxectos de integración e desenvolvemento. Ademais, a ONGD estivo presente na última edición, compartindo información sobre os seus programas e liderando un taller sobre arte e sustentabilidade. Tamén presentaron o seu proxecto estrela, Habita Rural, que busca combater o despoboamento rural mediante a integración multicultural.
Este recoñecemento reforza a nosa convicción de que a cultura é un motor de cambio e que, unindo forzas con organizacións como Ecos do Sur, podemos contribuír activamente a unha sociedade máis inclusiva e solidaria. Estamos orgullosos de formar parte desta iniciativa e de seguir avanzando no noso compromiso de poñer a arte e a creatividade ao servizo do benestar colectivo.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.



