A revista Táboas presenta o seu último número
O quinto número xa está dispoñible na tenda de Ainé e en taboas.gal
O quinto número de Táboas xa está dispoñible. Nesta nova edición, a revista de artes escénicas, editada por Ainé, ofrece unha ampla mirada á escena teatral en Galicia, cun enfoque especial na creación contemporánea e o compromiso co público.
Na portada deste número atopamos a Miguel de Lira, quen comparte as súas reflexións sobre a capacidade do teatro para “diluír fronteiras” e o seu constante xogo entre o escénico e o audiovisual. Nunha entrevista en profundidade realizada por Borja Casal, o actor repasa a súa traxectoria e fala sobre o traballo colectivo e a evolución do teatro con Chévere.
Entre os contidos máis destacados, inclúese tamén unha entrevista coa actriz e directora Tamara Canosa, quen profunda no seu proceso creativo e na importancia do teatro como ferramenta para repensar o mundo e cuestionar as estruturas sociais. Canosa, que dirixiu a obra Os actos e as profecías dentro do marco do 40 aniversario do Centro Dramático Galego, subliña o papel do teatro como espazo de encontro entre público e creadoras.
Outra reportaxe presente neste número é a dedicada aos “oficios invisibles” do teatro, no que se pon en valor o traballo de todas esas persoas cuxa labor é esencial para que os espectáculos se fagan realidade, desde técnicos ata vestuaristas e demais profesionais detrás do escenario. Ademais, esta edición tamén celebra o éxito da obra Ceibe, de Fran Sieira, un espectáculo de danza que explora a relación entre os corpos e os roles de xénero desde a tradición ata a liberación, e que foi unha das propostas máis aclamadas do ano.
O quinto número de Táboas xa está dispoñible tanto na súa versión dixital como impresa, a cal se pode mercar na nosa tenda. Se non queres perder nada do que acontece nos teatros en Galicia, podes seguir a Táboas no Facebook, en Instagram ou en X.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.



