‘Somos Criminais’ chega á Televisión de Galicia este domingo
A versión audiovisual do espectáculo chega o domingo 10 de novembro, ás 22.50 horas, á Televisión de Galicia.
Este domingo 10 de novembro, ás 22.50 horas, a Televisión de Galicia emitirá o primeiro espectáculo que uniu aos humoristas Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco baixo o nome de Somos Criminais: A Orixe. Esta é a oportunidade para que o público galego reviva, agora na televisión, o espectáculo que deu comezo a tres producións teatrais de éxito, incluíndo a súa entrega máis recente, Somos Criminais e punto final, actualmente en xira.
Este proxecto audiovisual naceu como unha colaboración inédita entre os actores e a produtora Undodez en xuño de 2020, momento no que o teatro tiña que reinventarse para chegar aos fogares de forma segura. Gravada no Auditorio da Illa de Arousa, esta proposta innovadora transformou a experiencia teatral en Galicia, conseguindo recrear a intimidade dunha función en directo pero á distancia.
Máis de 10.000 espectadores foron parte deste proxecto que propuxo unha nova forma de conectar cos espectadores. Nunha posta en escena pensada exclusivamente para as cámaras, Touriñán e Blanco optaron por actuar nun auditorio baleiro, dirixíndose directamente ao público a través da lente, creando un espectáculo audiovisual singular e próximo.
O traballo en equipo foi fundamental para lograr este proxecto sen precedentes. Baixo a dirección en escena de Tito Asorey e audiovisual de Jairo Iglesias, contouse cun equipo técnico e artístico de primeira liña: a directora de fotografía Lucía C. Pan e o actor e fotógrafo Marcos Pereiro encargáronse da imaxe, mentres que Dani Juncal deseñou unha iluminación que recreaba a atmosfera de proximidade do teatro. No apartado sonoro, os encargados foron Breixo Giraldo e Santi Jul, Chicha Blanco, pola súa banda, coordinou a caracterización dos actores. A produción foi posible grazas ao traballo de Paco Abelleira, Miguel Vázquez, Manuel Martínez, Lois Blanco e Javi Lopa.
Para Ainé, esta produción foi un fito histórico, un proxecto que marcou un antes e un despois ao facer que o teatro estivera presente nas casas galegas durante os momentos máis difíciles da pandemia. A chegada do espectáculo á TVG representa o recoñecemento ao esforzo de todos os que traballaron para levar Somos Criminais ao público dun xeito único, e abre unha nova oportunidade para que se descubra ou reviva esta peza que xa é parte da historia do teatro galego.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.



