‘Corentena’ remata a súa xira con dous cheos en Ourense e Lugo
Touriñán e Perdomo despiden o seu espectáculo logo dun ano de xira por salas e teatros nos que congregaron máis de 40.000 persoas. As dúas últimas funcións, en Ourense e Lugo, teñen colgado o cartel de non hai billetes.
No ano 2020, un insólito escenario paralizou o mundo e cambiou os nosos hábitos. Nese contexto de encerro e falta de conexión social, David Perdomo e Xosé A. Touriñán decidiron conversar en directo a través de Instagram e crear unha hora de comedia e evasión aberta a quen quixara pasar por alí. O experimento callou e milleiros de persoas conectábanse a esas conversas, interactuando cos cómicos, pedíndolles personaxes… Recuperada a normalidade, no 2023 Touri e David deciden transformar aquelas conversas nun espectáculo en directo.
Nacía deste xeito ‘Corentena’, un espectáculo no que Touriñán e Perdomo improvisaban personaxes e situacións sobre o escenario que bebían do espírito daquelas noites en liña. Co uso de máscaras e pequenos elementos de vestiario, recreaban personaxes nacidos naquelas noites de 2020 e creaban novas situacións e tramas delirantes.
O espectáculo resultou un éxito de público, enchendo salas, festivais e teatros en toda Galicia, superando os 40.000 espectadores nas máis de 50 funcións realizadas, enchendo practicamente todas as sesións.
Agora, a aventura chega á súa última fin de semana. Ourense e Lugo, 7 e 8 de xuño, poñen o punto e final ao percorrido de ‘Corentena’ con ambas funcións sen entradas dispoñibles.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.



