Xosé A. Touriñán: “Eu quero traballar aquí e desde aquí”
O actor participa na serie de entrevistas 'Vinte almorzando con Deleite', da revista de Praza.gal, onde repasa a súa carreira e os seus últimos proxectos, como 'Rondallas', 'La Canción', ou segunda temporada de 'Clanes'.
O actor, produtor e director Xosé A. Touriñán participou no ciclo de entrevistas que promove a revista dixital Vinte da man da marca Deleite, onde diferentes nomes da cultura en Galicia repasan as súas traxectorias e explican o seu xeito de entender a súa profesión. Na conversa, publicada nestes días e gravada hai dúas semanas na súa casa, en Castelo (Culleredo), Touriñán fai un percorrido pola súa carreira como actor, ademais de contar algúns dos proxectos que ten entre mans ou nos que está involucrado.
“Os límites do humor ten que poñelos cada quen”
Preguntado sobre a comedia e as críticas que habitualmente reciben os humoristas cando abordan determinados temas Touriñán sinala a relación desas actitudes cun momento “no que todo o mundo está enfadado”, e no que “é necesario ser capaces de rir”. “Non somos cirurxiáns, e se nos equivocamos non imos matar a ninguén; se non che gusta o café, non o tomes. Se non che gusta iso que hai no teatro, non vaias”.
“Cando tomei en serio a profesión foi cando o peor o pasei”
Xosé A. Touriñán repasa na entrevista a súa traxectoria, desde os seus comezos con Marcos Pereiro no Luar ou en Supermartes, ata a súa etapa en Tourilandia, o programa que presentou no 2013. “Meteume demasiada responsabilidade, demasiado peso, cando esta profesión é para desfrutar”. Viñeron despois proxectos como a serie Fariña, á que o actor atribúe parte da normalización da lingua no audiovisual tamén estatal.
O primeiro “Manuel Fraga” na ficción
No repaso polos proxectos que ten por diante, Touriñán fala do filme Rondallas, de Daniel Sánchez Arévalo, ou da serie La Canción, que Movistar+ emitirá a partir de maio e na que o actor cullerdense interpreta a Manuel Fraga. Tamén da segunda temporada de Clanes, que rodará nesta primavera. Quítalle importancia aos premios: “ao mellor danme os honoríficos cando morra”. “O importante é traballar é o que dicimos os que non gañamos nunca, pero é certo”.
Bibopalula e o festival Castelo Conta
O traballo de Touriñán, segundo explica na entrevista, non remata nos proxectos diante da pantalla. “De Bibopalula estou moi orgulloso. Fan falta contidos en galego para os máis pequeños”. Sobre o Castelo Conta, o festival que organiza xunto cos seus veciños na súa aldea, explica as motivacións: “está ben que de vez en cando non haxa que ir ás cidades a ver cousas, e que esas cousas veñan a nós”. “Traballamos moito, pero desfrutamos o dobre”, sinala.
NOTICIAS RELACIONADAS
Un novo espazo dixital para seguir a traxectoria de Xosé A. Touriñán
A páxina recompila toda a información profesional do actor, director e produtor nun espazo renovado, accesible e estruturado arredor da súa traxectoria, proxectos e actividade actual.
A xira estatal do monólogo de Touriñán segue medrando e suma novas datas
O espectáculo de Xosé A. Touriñán continúa ampliando o seu percorrido fóra de Galicia cun calendario que segue incorporando funcións ao longo de 2026 e comezos de 2027.
Lamatumbá, finalista nos XIII Premios Martín Códax da Música
A banda ourensá opta ao galardón na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, reafirmando o seu lugar como un dos grandes referentes da festa e da música popular galega.



