Touriñán remata o mes con tres novas participacións en ‘Comicamente’
O ciclo estará esta fin de semana en Nigrán, A Coruña e Santiago de Compostela
Os recintos das tres localidades estarán ao completo

Xosé A. Touriñán estará esta fin de semana nas tres actuacións de Comicamente. O ciclo, impulsado por Ainé Producións, Condetrespés e Etiqueta Negra e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia, estará en Nigrán, A Coruña e Santiago de Compostela.
A primeira parada será o venres en Nigrán, xunto a Carlos Blanco, Luis Piedrahita e Lucía Veiga. O campo de fútbol Monte Lourido será o escenario, ás 22:00 horas, desta noite de humor que contará coa música da dj Toccororo. Na páxina web de Comicamente quedan poucas entradas á venda.
O parque de Bens será ao día seguinte o escenario de Comicamente. O parque coruñés acollerá por primeira vez un espectáculo destas características. Carlos Blanco, Xosé A. Touriñán, Luis Piedrahita e Lucía Veiga repiten esta vez acompañados pola música de DJ Russinha. Haberá dous pases, ás 19:00 e ás 22:00 horas para os que quedan moi poucas entradas dispoñibles.
Esta intensa fin de semana rematará o domingo en Santiago de Compostela. Comicamente regresa á Cidade da Cultura cun espectáculo que contará con Xosé A. Touriñán, Carlos Blanco, David Amor, Lucía Veiga e a música da DJ compostelá Russinha. As entradas para os dous pases están esgotadas.
Seguintes paradas de Comicamente
O mes de setembro tamén estará cheo de bo humor. Logo dunha fin de semana atlántica, Comicamente viaxa ao interior do país. O paseo fluvial do Río Miño será o escenario en Lugo o próximo venres, 3 de setembro. Carlos Blanco, Touriñán, David Amor e Lucía Veiga estarán acompañados pola música da DJ Toccororo.
O domingo 5, Comicamente estará na explanada do Auditorio Municipal de Ourense. Carlos Blanco, Xosé Touriñán, David Amor, Pepo Suevos e Lucía Veiga serán os protagonistas desta noite de humor. DJ Toccororo volverá estar aos mandos dos platos.
Aínda quedan entradas á venda para Lugo e Ourense en comicamente.gal. Na web tamén están dispoñibles todas as datas, carteis e fotografías das actuacións.
NOTICIAS RELACIONADAS
Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A primeira parada do proxecto será en Ponte Ulla, onde a Lacena desenvolverá unha programación cultural durante os días 18 e 19 de setembro. A iniciativa continuará posteriormente por concellos de menos de 5.000 habitantes.
‘A Lacena Pequena’ comeza en Vedra a súa primeira viaxe
O proxecto itinerante impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura levará programación cultural a pequenos núcleos de poboación e dará a coñecer mañá en Ponte Ulla as cinco paradas do seu primeiro percorrido.
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.


