‘Comicamente’ continúa este agosto a xira con gran éxito de público
Nigrán acollerá o 27 de agosto a función adiada en Vigo e Ourense recibirá o espectáculo o 5 de setembro
As entradas para Ferrol están esgotadas e restan poucas para A Coruña e Santiago de Compostela

Comicamente segue o seu percorrido polo país. Esta fin de semana fará parada en Mondoñedo e Ferrol. Xosé A. Touriñán, Celso Sanmartín e Ledicia Sola estarán hoxe, venres 20 de agosto, na Alameda dos Remedios. Aínda quedan algunhas entradas dispoñibles para esta función na web de Comicamente.
O domingo 22, o espectáculo estará na Praza de Armas, en plenas festas ferrolás. Xosé Touriñán, Carlos Blanco, David Amor e Lucía Veiga esgotaron as entradas para esta función que contará coa música de Russinha.
O ciclo Comicamente está tendo unha gran acollida de público. Ademais de Ferrol, Vilagarcía de Arousa e Sanxenxo esgotaron as localidades e restan poucas localidades para Nigrán, A Coruña e Santiago de Compostela. Nestas dúas últimas cidades, haberá un pase a maiores ás 19:00 horas, logo de que se esgotasen as entradas para o pase das 22:00 horas.
O público está a responder moi ben a esta iniciativa conxunta de Ainé, Condetrespés e Etiqueta Negra, enmarcada dentro dos eventos de promoción do Xacobeo 21-22. Comicamente aposta por recuperar os espectáculos en directo, neste verán de 2021, coa recuperación da normalidade máis preto, pero con todas as incertezas aínda presentes.
Seguintes datas
A última fin de semana de agosto chega cargada de bo humor. Nigrán, A Coruña e Santiago de Compostela acollerán Comicamente os días 27, 28 e 29 de agosto respectivamente.
A data adiada polas condicións meteorolóxicas en Vigo celebrarase finalmente en Nigrán. Carlos Blanco, Touriñán, Luis Piedrahita e Lucía Veiga estarán no campo de fútbol Monte Lourido, ao carón de Praia América. A dj Toccororo será a encargada da selección musical.
O sábado 28, os catro humoristas viaxarán á Coruña, onde actuarán no Parque de Bens. A noite contará nesta ocasión coa música da dj compostelá Russinha. O mes de agosto acabará para Comicamente ao día seguinte en Santiago de Compostela. Carlos Blanco, Xosé A. Touriñán, David Amor e Lucía Veiga contaxiarán o día 29 o bo humor na Cidade da Cultura, onde se presentou o ciclo no pasado mes de xullo. Russinha, que esta vez xoga na casa, porá música a esta noite de comedia.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.


