Touriñán esgota as entradas en Vigo e Vilagarcía na despedida do Monólogo do Imbécil
Case 2000 persoas asistiron a pasada fin de semana ás dúas última funcións dun espectáculo que nos últimos meses percorreu ata vinte vilas e cidades do noso país, cun sensacional éxito de público. Touriñán remata xaneiro cun balance de sete cheos consecutivos en todos e cada un dos seus espectáculos.

Todas e cada unha das butacas tanto do Auditorio de Vilagarcía como do Teatro García Barbón de Vigo tiveron dono. A razón, as dúas últimas funcións do Monólogo do Imbécil, o espectáculo co que Xosé A. Touriñán xirou durante este último ano.
Case 2000 espectadores coñeceron a Santi, a quen todo lle sae mal. El procura comportarse coma os demais, ten ilusión por ir á escola coma todo o mundo, por ter un traballo coma todo o mundo e casar cunha rapaza coma todo o mundo, pero sempre sucede algo que acaba deixándoo con cara de parvo. É certo que ten unha tendencia a estar sempre nas nubes. E ás veces queda parvo mirando a ningures. E pensa: “Que fago eu aquí… coma un imbécil”.
O espectáculo, escrito e dirixido por José Luis Prieto, contou con Anxo Graña no apartado técnico e coa empresa emedous na produción. Estreouse hai case un ano no Pazo da Cultura de Narón, e desde entón percorreu boa parte dos teatros e auditorios do noso país con grandes datos de taquilla.
NOTICIAS RELACIONADAS
Lamatumbá gaña o Premio Martín Códax da Música na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena
A banda ourensá vén de ser recoñecida na XIII edición dos Premios Martín Códax da Música, nun momento marcado polo regreso aos escenarios coa proposta ‘LAMATUMBÁ… E XA ESTÁ!’.
‘Amoriños’ despídese na Coruña cunha intensa fin de semana de seis funcións
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo chega ao seu gran peche de xira no Teatro Colón. Entre o 5 e o 7 de xuño ofrecerán seis funcións, das que só queda dispoñibilidade para a derradeira sesión do domingo ás 20.30.
‘Amoriños’ encara a súa recta final cunha intensa fin de semana en Pontevedra
O espectáculo de Touriñán e Perdomo entra no último tramo da súa xira de primavera tras máis de dous meses de funcións por Galicia.


