Federico Pérez e María Vázquez darán a coñecer este martes os nomeados aos Mestre Mateo
176 obras son candidatas aos nomeamentos para as vinte e seis categorías que conforman os premios deste ano. A gala de entrega terá lugar o 4 de marzo no Pazo de Exposicións e Congresos da Coruña.

O actor Federico Pérez será o encargado este martes, xunto coa actriz María Vázquez, de dar a coñecer os catro nomeados de cada unha das vinte e seis categorías dos Premios Mestre Mateo, os galardóns da Academia Galega do Audiovisual que cada ano destacan os mellores traballos no sector.
Será nun acto co que os actores pecharán o proceso da primeira das votacións, na que durante as últimas semanas os académicos e académicas tiveron que escoller entre 176 obras (5 longametraxes, 25 documentais, 10 series de televisión, 9 series web, 32 programas de televisión, 31 curtametraxes de imaxe real, 8 curtametraxes de animación, 20 anuncios publicitarios e 36 videoclips), 171 produtoras e case 500 profesionais.
Ainé Producións forma parte dalgunhas das candidaturas: na categoría de mellor anuncio publicitario con tres obras nas que a produtora participou (Imposible sen ti, de Abanca, Imposible sen ti, da Xunta de Galicia, e Volve o leite, de Deleite), na de mellor programa con Verbenalia, O Son das Letras e Buscando Ardebullo, e na categoría de mellor dirección de produción con Javier López Valeiro e Álvaro Pérez Becerra nomeados polo seu traballo nos programas Verbenalia e O Son das Letras.
En canto aos seus artistas, Pepo Suevos é candidato na categoría de mellor interpretación masculina de reparto por Pazo de Familia, Federico Pérez é candidato na categoría de mellor interpretación masculina por Era Visto!, e pola mesma serie son tanto Marcos Pereiro como Xosé A. Touriñán candidatos na categoría de mellor interpretación masculina de reparto. Tamén Touriñán é candidato na categoría de mellor actor protagonista por Land Rober.
Ademais, Manolo Pereiro, o pai de Marcos, un dos grandes protagonistas do programa Buscando Ardebullo, é candidato ao Mestre Mateo na categoría de mellor comunicador de televisión.
NOTICIAS RELACIONADAS
Lamatumbá gaña o Premio Martín Códax da Música na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena
A banda ourensá vén de ser recoñecida na XIII edición dos Premios Martín Códax da Música, nun momento marcado polo regreso aos escenarios coa proposta ‘LAMATUMBÁ… E XA ESTÁ!’.
‘Amoriños’ despídese na Coruña cunha intensa fin de semana de seis funcións
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo chega ao seu gran peche de xira no Teatro Colón. Entre o 5 e o 7 de xuño ofrecerán seis funcións, das que só queda dispoñibilidade para a derradeira sesión do domingo ás 20.30.
‘Amoriños’ encara a súa recta final cunha intensa fin de semana en Pontevedra
O espectáculo de Touriñán e Perdomo entra no último tramo da súa xira de primavera tras máis de dous meses de funcións por Galicia.


