Touriñán participa na rodaxe de ‘Malencolía’, novo filme de Alfonso Zarauza
Malencolía é un filme de terror para televisión no que o director compostelán repite con boa parte do equipo técnico e artístico do seu anterior traballo Ons.
Xosé A. Touriñán participou esta semana na rodaxe que tivo lugar na provincia de Ourense.

Unha rodaxe chea de talento
Esta semanana rematou a rodaxe de Malencolía na comarca do Carballiño. Sete anos despois de Os Fenómenos, Touriñán e Zarauza volven traballar xuntos. O actor cullerdense incorporouse nesta última semana de rodaxe no Irixo. Trátase dunha longametraxe que, en palabras do director, busca tratar o terror dun xeito pouco convencional, partindo da tradición oral e literaria galega sobre o medo. O propio título fai referencia a un concepto que Curros Enríquez definía como “a felicidade de estar triste”.
O filme conta a historia dunha parella, interpretada por Melania Cruz e Xúlio Abonjo, que logo duns anos vivindo en Berlín regresa a Galicia para vivir no rural. Alí, instálanse nunha casa que pensaban abandonada, pero na que habita unha señora (Iolanda Muíños) coa que manterán unha estraña relación. Ademais do propio Touriñán, o elenco complétano Diego Anido, Ledicia Sola e Tito Asorey.
O director compostelán contou tamén con gran parte do equipo técnico de Ons, como Elia Robles na dirección de arte, Alberte Branco na fotografía, Tamara Soto na dirección de produción ou Fernando Alfonsín na montaxe. Galardoados ou finalistas todos eles nos últimos Mestre Mateo nos que Ons tamén levou o premio á mellor longametraxe.
Cinema Galego
Malencolía, producida por Maruxiña Film Company, é un filme rodado en Galicia, en galego e cun equipo 100 % galego e co patrocinio de Deleite. Ten prevista a súa estrea no outono no marco do OUFF – Festival de Cine Internacional de Ourense.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.


