Novas funcións de ‘Corentena · Game Over’ en Pontevedra, A Coruña e Vigo
O novo espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo supera as 6000 entradas vendidas e abre novos pases nalgunhas das localidades polas que pasará a xira, prevista entre marzo e xuño.
A viaxe de David Perdomo e Xosé A. Touriñán xuntos sobre os escenarios segue ligado ao éxito. Corentena · Game Over, o novo espectáculo dos cómicos coruñés e cullerdense ven de abrir dous novos pases en Pontevedra (venres 7 de marzo, ás 23.00) e A Coruña (domingo 30 de marzo, ás 18.00), e este próximo luns sumará un máis en Vigo (sábado 12 de abril, ás 19.00). O bo ritmo nas vendas sitúa este nova proposta, producida por Ainé, no camiño doutros éxitos recentes como Somos Criminais e punto final e mesmo a anterior versión de Corentena, que tamén reuniron a milleiros de espectadoras e espectadores nos teatros e auditorios galegos.
A xira de Corentena · Game Over pasará tamén por Ourense (8 de marzo), Burela (14 de marzo), Vilalba (11 de abril), O Grove (2 de maio) e Lugo (6 de xuño). As entradas están dispoñibles en www.corentena.gal, onde tamén é posible consultar máis información sobre o espectáculo.
A chegada do mundo dos videoxogos aos escenarios
Corentena · Game Over será un inédito videoxogo teatral no que os humoristas interactuarán co mundo virtual, tamén coa participación do público, nun percorrido con diferentes obstáculos e particulares personaxes na procura do antídoto contra futuros virus e pandemias. O espectáculo conta con The Art Warriors no deseño visual, coas animacións de Nacho Laya e o espazo sonoro de Santi Jul e Iván Laxe.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.
‘Moi Animal’, o novo monólogo de Touriñán, suma novas funcións á súa primeira xira
O novo monólogo de Xosé A. Touriñán esgota localidades en Cee e Santiago e amplía funcións na Coruña, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra. A xira, que comezará en outubro, continúa medrando antes da súa chegada aos escenarios galegos.
Chega ‘A Lacena Pequena’, un novo proxecto cultural itinerante
Ainé e E-ló Arquitectura poñen en marcha unha proposta que combina música, artes escénicas, gastronomía e patrimonio a través dunha singular infraestrutura.



