Touriñán, Carlos Blanco e ‘Somos Criminais’, o máis destacado do teatro galego no 2024 segundo o Observatorio da Cultura Galega
Encabezan unha listaxe na que tamén destacan o espectáculo 'Iribarne', o Centro Dramático Galego, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia ou as compañías Sarabela Teatro e Chévere.
O Observatorio da Cultura Galega sitúa a Xosé A. Touriñán, Carlos Blanco e Somos Criminais e punto final como o máis destacado do 2024 nas artes escénicas en Galicia. Faino nun documento publicado onte polo Consello da Cultura Galega como adianto do seu barómetro anual, que recolle os resultados dun estudo realizado entre as e os profesionais da xestión cultural.
O informe, do que as artes escénicas non saen ben paradas -sitúanse na quinta posición en relevancia, por detrás da música, o audiovisual, a literatura e as institucións culturais-, destaca tamén o espectáculo Iribarne, de ButacaZero, o Centro Dramático Galego, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, ou o traballo das compañías Chévere e Sarabela Teatro.
Noutros ámbitos da cultura destaca a relevancia do festival O Son do Camiño, do escritor Manuel Rivas, o Culturgal, as formacións Fillas de Casandra e As Tanxugueiras, ou os Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual.
Sobre Somos Criminais
Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco estrearon Somos Criminais no ano 2018. Desde entón o espectáculo bateu todos os records de venda de entradas, superando as 120.000, en varias xiras e tres edicións dunha proposta que percorreu boa parte dos teatros e auditorios de toda Galicia. Entre novembro e xaneiro, ‘Somos Criminais e punto final’, a terceira e última parte da saga, foi vista por máis de 25.000 espectadores.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Amoriños’ chega ao Noroeste Estrella Galicia cunha edición especial en Santa Margarida
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo formará parte da programación da 39 edición do Festival Noroeste Estrella Galicia cunha función especial o 9 de agosto.
Xosé A. Touriñán incorpórase ao elenco da terceira e última tempada de ‘Clanes’
A serie de Netflix producida por Vaca Films despídese cunha última entrega que volve reunir a Clara Lago e Tamar Novas como protagonistas, xunto a un amplo elenco do que forma parte Xosé A. Touriñán. A tempada final pecha a historia deste universo do narcotráfico en Cambados.
Máis improvisación oral para despois do verán: ‘Territorio Regueifa’ suma tres novas funcións
O espectáculo regresará aos escenarios en outubro e novembro con tres novas funcións xa confirmadas. Entre elas destaca a primeira representación fóra de Galicia, que terá lugar en Barakaldo.



