‘Bibopalula · O Espectáculo’, finalista nos Premios de Teatro María Casares
O musical infantil ‘Bibopalula · O Espectáculo’, producido por Ainé, foi seleccionado como finalista na categoría de Mellor espectáculo infantil. A gala da súa trixésima edición celebrarase o 8 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
Bibopalula · O Espectáculo, a proposta teatral baseada no universo da serie infantil Bibopalula, foi nomeada finalista na categoría de Mellor espectáculo infantil na 30ª edición dos Premios de Teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
A gala de entrega dos galardóns terá lugar o 8 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña, nunha edición que reúne 17 producións finalistas entre as diferentes categorías e que celebra tres décadas de recoñecemento ao traballo da escena galega.
O espectáculo leva ao escenario o universo da Banda do Bosque nunha proposta musical pensada para o público máis novo. Con dirección e texto de Marta Lado, a montaxe combina teatro, música e coreografías nunha aventura na que Ava, unha apaixonada observadora de paxaros interpretada por Lidia Veiga, acompaña a Robin, Carpin, Pegui e Merli nunha misión especial encomendada polo Señor Moucho: atopar un misterioso tesouro escondido no bosque.
Ao longo da aventura, a cativada participa nun percorrido que combina música, humor e descubrimento da natureza. A peza inclúe doce cancións orixinais xa coñecidas polo público da serie e propón unha experiencia escénica que mestura humor, natureza e aprendizaxe, con iluminación, escenografía e coreografías pensadas especificamente para nenas e nenos de entre 2 e 6 anos.
Desde a súa estrea en 2025, Bibopalula · O Espectáculo percorreu diferentes teatros galegos con dúas xiras consecutivas, consolidándose como unha das propostas escénicas familiares en galego de maior formato da tempada e achegando ao escenario o universo musical e visual da serie producida por Undodez e a Televisión de Galicia.
A nominación nos Premios María Casares, os galardóns que constitúen o principal recoñecemento do teatro galego, recoñece así o traballo artístico e técnico dunha produción que aposta por crear contidos culturais de calidade para a infancia na nosa lingua, entendendo o teatro como un espazo de descubrimento, xogo e encontro para as familias.
Bibopalula competirá nesta categoría xunto a Berenguela na gaiola, de Galeatro e Xarope Tulú; Coa cabeza nas nubes, de SÖA; e O libro da selva, o musical, de Ártika Cía.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



