‘Amoriños’ segue sumando funcións para esta primavera
A segunda xira do espectáculo continúa medrando a poucos días do seu comezo. A proposta, creada e interpretada por Xosé A. Touriñán e David Perdomo incorpora agora novas funcións en varias cidades do percorrido.
A unha semana de que comece a súa xira, Amoriños amplía o seu calendario con segundas funcións en diferentes paradas do percorrido. O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo, que iniciará o seu camiño o próximo 14 de marzo en Vilagarcía, promete así unha primavera chea de amor sobre as táboas.
Estas novas funcións incorporaranse ás datas xa anunciadas da xira e permitirán ampliar as oportunidades de asistir ao espectáculo en varias cidades. Os novos pases celebraranse en Vilagarcía (14 de marzo ás 18.30), Santiago de Compostela (15 de marzo ás 21.00), Ponteareas (10 de abril ás 23.00), Verín (17 de abril ás 23.00), Lugo (18 de abril ás 18.30), Ribadeo (30 de abril ás 23.00), Vigo (9 de maio ás 18.00), Ourense (22 de maio ás 23.00) e Pontevedra (30 de maio ás 18.30).
O espectáculo construído por Touriñán e Perdomo mergúllase no territorio máis imprevisible das relacións humanas. En Amoriños, o escenario convértese nun peculiar ‘First Dates’ á galega no que aparecen citas imposibles, paixóns inesperadas e personaxes que, por lóxica, nunca deberían atoparse… pero acaban facéndoo igualmente. A comedia mestura humor, improvisación e emoción, facendo que cada función se constrúa en directo e que ningún pase sexa igual ao anterior.
A complicidade entre os dous intérpretes e a participación do público son dous dos elementos centrais dun espectáculo que foi collendo forza función tras función desde a súa estrea. Esa natureza viva da proposta converte cada encontro nunha experiencia distinta, na que a risa funciona como punto de encontro e o amor aparece nas súas formas máis absurdas, incómodas ou inesperadas.
Tras pasar por Vilagarcía, Santiago, Ponteareas, Verín, Lugo, Ribadeo, Vilalba, Cee, Vigo, Narón, Ourense e Pontevedra, ao longo dos meses de marzo, abril e maio, a xira culminará na Coruña cunha función no Teatro Colón o 6 de xuño.
As entradas para esta última parada abriranse proximamente, e para o resto das funcións están dispoñibles a través da web oficial do espectáculo, www.amorinos.info.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.
Ainé estrea unha aplicación móbil para achegar a súa actividade ao público
A ferramenta reúne nun mesmo espazo a programación de espectáculos, as opcións de compra de entradas, as últimas noticias e os contidos audiovisuais da produtora. Está dispoñible de balde para dispositivos iOS e Android.
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.



