‘Amoriños’ arrinca a súa xira de primavera esta fin de semana e abre as entradas para o peche na Coruña
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo comeza esta fin de semana a súa segunda xira con catro funcións repartidas entre Vilagarcía de Arousa e Santiago de Compostela. ‘Amoriños’ inicia así un percorrido de primavera que levará a comedia por diferentes escenarios de todo o país.
O pistoletazo de saída terá lugar o venres 14 de marzo no Auditorio Municipal de Vilagarcía, con dúas funcións ás 18.30 e 21.00, que están xa practicamente esgotadas. A xira continuará ao día seguinte, sábado 15 de marzo, no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, tamén con dous pases ás 18.00 e 21.00, onde aínda quedan dispoñibles as últimas localidades.
Estas primeiras funcións marcan o inicio dun novo tramo da xira de Amoriños, a comedia na que Touriñán e Perdomo converten o escenario nun peculiar ‘First Dates‘ á galega. A proposta mestura humor, improvisación e participación do público para dar lugar a encontros inesperados, historias improbables e personaxes que, por lóxica, nunca deberían coincidir… pero acaban facéndoo igualmente.
Cada función constrúese en directo, facendo que o espectáculo manteña unha natureza viva na que o público e os intérpretes comparten o ritmo da comedia. Esa capacidade de transformarse en cada pase converteu Amoriños nunha proposta que medra función tras función desde a súa estrea.
Mentres a xira bota a andar esta fin de semana, hoxe saíron tamén á venda as entradas para a súa última parada, que terá lugar na Coruña. O Teatro Colón acollerá tres funcións os días 5, 6 e 7 de xuño, que servirán como peche desta nova etapa. Os pases celebraranse o 5 de xuño ás 20.30, o 6 de xuño ás 21.00 e o 7 de xuño ás 18.00.
As entradas para todas as datas da xira están dispoñibles a través da web oficial do espectáculo: www.amorinos.info.
NOTICIAS RELACIONADAS
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.
Ainé estrea unha aplicación móbil para achegar a súa actividade ao público
A ferramenta reúne nun mesmo espazo a programación de espectáculos, as opcións de compra de entradas, as últimas noticias e os contidos audiovisuais da produtora. Está dispoñible de balde para dispositivos iOS e Android.



