‘Amoriños’ pecha a súa xira de primavera tras 44 funcións e 35.000 espectadores
Onte, 7 de xuño, rematou a xira de primavera de ‘Amoriños’. Foron seis funcións no Teatro Colón da Coruña, todas coas localidades esgotadas. Un peche que confirma o éxito desta proposta, que foi medrando función a función ao longo de toda a primavera.
A xira de Amoriños despídese tras meses de percorrido polos escenarios galegos e unha resposta do público que acompañou o espectáculo desde a súa estrea. A proposta, que arrancou o 14 de marzo en Vilagarcía, foi enchendo teatros, auditorios e casas da cultura ao longo de toda a primavera. En cada parada repetíase a mesma imaxe: carteis de entradas esgotadas, salas cheas e espectadores e espectadoras dispostas a formar parte dun xogo escénico que non entendía de pases iguais.
O percorrido levou o espectáculo por Santiago, Ponteareas, Verín, Lugo, Ribadeo, Vilalba, Cee, Vigo, Narón, Ourense, Pontevedra e finalmente A Coruña, convertendo cada cidade nun encontro distinto entre escenario e público. En total, 44 funcións e case 35.000 espectadoras e espectadores acompañaron unha das propostas en galego máis vistas da temporada nas táboas do país.
Sobre o escenario, Amoriños volveu situar o amor no centro da escena, pero desde o seu lado máis caótico, imprevisible e humorístico. Touriñán e Perdomo construíron cada función en directo, facendo da improvisación e da interacción cos alí presentes unha parte esencial do espectáculo. Iso fixo que cada pase fose diferente, condicionado pola enerxía da sala e polos encontros que nacían en cada noite.
O resultado foi unha xira viva, cambiante, que medrou función a función e que confirmou a capacidade da proposta para transformarse sen perder a súa esencia. Encheuse todo, e todas as veces. E encheuse tamén de algo máis difícil de medir: a complicidade co público en cada parada.
Un agradecemento especial a todas as persoas que fixeron posible o percorrido: equipos técnicos, produción, comunicación, persoal dos teatros e auditorios e, por riba de todo, ás persoas que o viviron desde as butacas.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Amoriños’ chega ao Noroeste Estrella Galicia cunha edición especial en Santa Margarida
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo formará parte da programación da 39 edición do Festival Noroeste Estrella Galicia cunha función especial o 9 de agosto.
Xosé A. Touriñán incorpórase ao elenco da terceira e última tempada de ‘Clanes’
A serie de Netflix producida por Vaca Films despídese cunha última entrega que volve reunir a Clara Lago e Tamar Novas como protagonistas, xunto a un amplo elenco do que forma parte Xosé A. Touriñán. A tempada final pecha a historia deste universo do narcotráfico en Cambados.
Máis improvisación oral para despois do verán: ‘Territorio Regueifa’ suma tres novas funcións
O espectáculo regresará aos escenarios en outubro e novembro con tres novas funcións xa confirmadas. Entre elas destaca a primeira representación fóra de Galicia, que terá lugar en Barakaldo.



