A actividade volve a Castelo co regreso da Travesía do Xalo
Touriñán protagoniza o ‘spot’ promocional desta 11ª edición, organizada por Castelo Deporte e o Concello de Culleredo, que será a segunda máis concorrida da súa historia. O Castelo Conta regresará tamén no mes de agosto.
Tras un parón de dous anos por mor da pandemia, a decimoprimeira edición desta cita deportiva volve con máis forza ca nunca. O evento deportivo celébrase na parroquia natal de Xosé A. Touriñán, Castelo, en Culleredo. O actor e humorista galego protagonizou o spot promocional convidando á xente a participar deste evento, xa clásico, no calendario das carreiras galegas. Esta edición será a segunda con máis afluencia, con máis de 900 participantes.
Os participantes puideron escoller entre tres modalidades para anotarse, a carreira de 21 quilómetros, a de 10 quilómetros ou a andaina. Ademais, as rapazas e rapaces menores de 16 anos contan con probas adaptadas ás súas idades. O actor e cómico Pepo Suevos será o encargado de animar a carreira facendo as funcións de speaker. Para facer posible a organización conta cunhas 100 voluntarias e voluntarios, ademais da colaboración da Policía Local e da Protección Civil de Culleredo.
Pero non todo será facer deporte. Despois do remate das probas, arredor do mediodía, comezará a celebración dunha churrascada nas instalacións da ppolideportiva, que correrá por conta das veciñas e vecinos de Castelo. Ao remate do xantar seguirase coa entrega de premios, que será conducida por Touriñán. Ademais, a veciñanza e as persoas que se queiran achegar poderán gozar de actuacións musicais ao longo de toda a tarde.
O festival Castelo Conta tamén está de volta
Castelo é sen dúbida un lugar vivo e activo. Outra cita imprescindible que convida á xente a achegarse á parroquia culleredense é o festival Castelo Conta, que se celebrará entre o 24 e o 30 do próximo agosto. Trátase dun evento no que se mesturan festa, comedia, tradición oral e cultura rural, que tamén leva en suspenso dous anos por causa da crise sanitaria do coronavirus.
Nas próximas semanas anunciaranse os participantes da edición deste ano que supón o regreso dun festival único en Galicia que aposta polo rural e a comedia como sinal de identidade.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.


