Era visto! lanza un capítulo especial na rede sobre o coronavirus
As actrices e os actores gravaron a súa participación desde a casa e cos seus medios. O resultado estreouse esta semana nas redes sociais, cun grande éxito de audiencia, e centos de comentarios dos espectadores lembrando unha das súas series preferidas.

Era visto! volveu por un día. Os fans de Moncho, Elvira, Kevin José ou Puskas reencontráronse o pasado xoves cos seus personaxes preferidos da exitosa serie da Televisión de Galicia. Foi nun capítulo especial sobre a crise do coronavirus, titulado Escornavirus.
As actrices e actores montaron na súa casa os particulares decorados coñecidos polos espectadores para gravarse, cos seus propios medios, e así facer posible a volta ás pantallas, neste caso a través das redes sociais, da serie de Producións Zopilote que tanto éxito tivo durante anos na canle pública.
Federico Pérez, Marcos Pereiro, Patricia Vázquez, Manuel Manquiña, Xosé A. Touriñán, Víctor Fábregas e Isabel Risco convertéronse de novo nos veciños máis populares de Lameiro, desta volta para dar conta das consecuencias do coronavirus no seu día a día.
O capítulo acumula milleiros de reproducións e centos de comentarios aplaudindo a iniciativa, que ademais de facer máis levadeiros os últimos días de confinamento, ten tamén un fin solidario: a través do número de conta ES94 2080 0058 1430 4001 8734 recada fondos para os Bancos de Alimentos de Galicia.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Moi Animal’ encara a recta final da súa primeira xira
O monólogo de Touriñán ofrecerá seis funcións entre Lugo, Burela e Santiago de Compostela esta fin de semana. Os pases de Lugo e Burela xa teñen todas as entradas esgotadas.
‘Territorio Regueifa’ continúa o percorrido fóra de Galicia con dúas funcións en Asturias
O espectáculo chegará a Xixón e Vegadeo os días 27 e 28 de novembro, respectivamente, nunha nova parada da xira que está levando a improvisación oral galega a outros territorios.
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.


