Amazon Prime Video estrea a segunda temporada de ‘Pequeñas Coincidencias’
Xosé A. Touriñán forma parte do reparto desta comedia romántica protagonizada por Javier Veiga e Marta Hazas e producida por Atresmedia Studios, Onza e Medio Limón, que desde esta semana está dispoñible no catálogo da plataforma.

A segunda temporada de Pequeñas Coincidencias chega a Amazon Prime Video. Logo dos oito primeiros capítulos que permitiron o pasado ano aos espectadores coñecer a Javi (Javier Veiga) e Marta (Marta Hazas), a serie presenta doce novos episodios, nesta ocasión de trinta minutos de duración cada un deles, coa continuación dunha historia que colleitou grandes datos no consumo a través da plataforma de vídeo baixo demanda.
A que no seu día foi a primeira serie producida en España para Amazon Prime Video mantén a maior parte do seu reparto, do que forma parte de novo Xosé A. Touriñán. Súmanse caras novas, como María Barranco, Mauricio Ochmann ou Ramón Langa.
“Máis comicidade e emotividade”, promete Javier Veiga para esta segunda temporada, na que os protagonistas afrontan unha nova fase da súa relación de parella na que xa non é todo tan idílico. Chegan os conflitos, e algunhas situacións acaban en auténticos enredos, coa vantaxe de que os espectadores xa coñecen agora aos personaxes.
A segunda temporada de Pequeñas Coincidencias gravouse entre os meses de agosto e outubro deste ano, baixo a dirección do propio Javier Veiga. Desde esta semana está dispoñible no catálogo de Amazon Prime Video, en versión orixinal, doblada ao italiano e subtitulada en inglés e portugués.

NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.


